A memoria é un ser vivo que alimentamos entre todas as persoas, unha forma de manternos tamén en activo. E de aí que nela resida unha gran compoñente de subxectividade, e tamén de ausencias. A historia galega ten aínda moitos ocos, e a literatura é unha boa forma de enchelos. Precisamente foi a loita por esta memoria o que levou a Xosé Monteagudo a escribir Vémonos mañá, unha novela que se basea na biografía de Bibiano Osorio Tafall, quen fora alcalde de Pontevedra antes do golpe de estado do 36, e da súa dona por aqueles anos, Josefina Arruti, a máis descoñecida nunha historia da que sabemos moi pouco. Pero non pensemos que estamos diante dunha biografía ao uso, máis ben todo o contrario, pois o autor defende esa idea pola cal a literatura está plenamente validada para interpretar o que non se coñece. Polo tanto aquí preséntanos a Bibiano e a Josefina, dende que se coñecen ata que se separan e viven as súas vidas separados, centrándose na faceta máis pública, que máis ou menos se pode coñecer a nivel social, pero movéndose tamén no terreo do íntimo e do persoal; de xeito que a historia nos serve para tecer unha reflexión arredor da memoria individual e da colectiva e como se relacionan ambas. Neste sentido, e como xa acontecía coa novela anterior súa, Todo canto fomos, a obra convértese nun libro de gran valor a múltiples niveis.
Unha das capacidades que posúe o autor é que aínda sendo coñecedores dalgunhas pasaxes que nos conta, por outras obras anteriores, fai que sigamos lendo a novela con intriga e intensidade.
Valoro especialmente a reivindicación que o autor fai da figura de Josefina Arruti, unha muller valente que ficou en Pontevedra cando o seu marido estaba en Madrid e sufriu o arresto domiciliario acompañada dos fillos cativos e dunha sogra non de todo afín a ela. Esta muller tivo que facer fronte a todo tipo de aldraxes e vicisitudes para sacar os fillos adiante e darlles estudos. Ao longo dos últimos anos estanse sucedendo algúns recoñecementos por parte do Concello de Pontevedra auspiciadas sobre todo polas investigacións xornalísticas de Montse Fajardo, quen leva moito traballando por sacar á luz as historias das mulleres silenciadas tanto da represión como doutros ámbitos. Así, o autor non oculta que bebe destas fontes, mais todo o que vén despois é pura ficción, pois “deslindar a ficción da realidade é un asunto complexo que nunca conduce a unha verdade definitiva,pois con frecuencia é a literatura a que mellor ilumina coas ferramentas da ficción a verdade oculta nos acontecementos friamente transmitidos polo relato histórico”.
Ficha técnica

Título: Vémonos mañá
Autor: Xosé Monteagudo
Ano de publicación: 2023
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 296
Prezo: 18,95 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
