Romper a arte

Rebeca Baceiredo, autora de 'Libro de horas'

Cando era pequena andaba pola rúa, ao igual que agora, de forma desordenada, movíame para todos os lados, sen control, e aceleraba os meus pasos para mostrar a miña felicidade, se a sentía. Lembro que un día, unha veciña me levou a min e aos meus irmáns a coñecer unha tenda de caramelos e unha cidade próxima que nos facía moita ilusión. Eu andaba así, coa ilusión nos pés, e de súpeto esa señora díxome que as señoritas debiamos andar coa cabeza ergueita e mostrando máis estilo. Foi algo máis ou menos así. Dende aquela, moitas foron as veces que pensei nisto, e a anécdota veume á cabeza tras a lectura de Who the fuck is Alice?, un libro híbrido de Rebeca Baceiredo no que analiza como o mundo foi modelándonos ás mulleres e como a arte actuou como catalizadora. O libro é unha patada directa ao estómago do patriarcado, pois o que pretende é romper co que nos dixeron e explicarnos a nós mesmas, comezar dende cero. E que fai Baceiredo? Escribe poemas e textos que conteñen cantos e alegatos feministas, e que se sitúan ao carón de fotos dunha exposición na que a propia autora se disfraza de mulleres artistas e representadas en cadros, pero cunha peculiaridade: a todas lles dá a volta e as estuda dende unha ollada feminista.

Who the fuck is Alice? é un libro de dupla lectura: dunha banda, a dos textos que poderían todos eles formar parte dunha manifestación feminista e, doutra, están as fotos que rompen o sentido das persoas retratadas e das que retratan. Vén a ser, pois, coma un experimento sociolóxico, experimental, no que a autora xoga coa linguaxe literaria e coa fotográfica. E neste experimento rompe co “canon” e ofrece outras olladas: que pasaría se as mulleres nos contásemos a nós mesmas? E se vestísemos a roupa que quixésemos e nos puxésemos diante dunha cámara sen complexos?

Interesante tamén é que Rebeca Baceiredo actúa como suxeito que escribe e actúa, que conta a súa propia mensaxe, que lle dá a volta aos roles preestablecidos, e por outro, tamén é o obxecto que quere ser, sen que ninguén a interprete, e tan só sexa ela a que se mire dende múltiples perspectivas e puntos de vista dispares. Por iso é quizais quen me parece unha obra para ler e reler, da que colleitar ideas e que ben podería servir para que o avance dos discursos feministas.

“O silencio pasa a ser unha mensaxe: os puntos suspensivos din moito. Din: íspesme e censúrasme nos teus xogos de poder e excitación. Convertes o meu corpo no teu terreo de explotación: estes bucles candorosos son unha arma descargada e non me permites un futuro, nin sequera me condenas á xuventude: condénasme á inocencia pueril, á submisión. Non me gusta posar, non me gusta posar para ti, non me gusta renunciar á vida que nace do mar”.

Ficha técnica

Título: Who the fuck is Alice?

Autora: Rebeca Baceiredo

Editorial: Urutau

Ano de publicación: 2022

Número de páxinas: 103

Prezo: 14,50 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.