Cando todo isto pase, quedaremos coa música

Un trompetista famoso morre un día. Detrás deste acontecemento aparentemente habitual e normal, agóchase unha historia na que nada é o que parece. A escritora escocesa Jackie Kay escribiu no 1997 Trompeta, unha novela na que tomaba como referente a figura de Bessie Smith, causando naquel tempo un gran debate polos temas que nela trataba, como a identidade de xénero, a liña difusa entre o espazo público e o privado, o dereito á intimidade, o papel da escritura, ou a imaxe das persoas que morren e as da súa contorna etc. Agora, grazas a unha tradución excelente e belísima de María Reimóndez, podemos gozar desta obra en galego no selo Hugin e Munin, que sempre nos sorprende con clásicos rescatados e con outros títulos contemporáneos que abren debates de actualidade.

Trompeta é un libro que provoca moitísimas emocións en nós, sobre todo porque a autora ten a capacidade de falar do íntimo e do público á vez, de xeito que continuamente estamos entre a espada e a parede. Cando morre Joss Moody, a súa muller afástase a unha casa de campo na que habitualmente pasaba tempo co marido, lonxe dos focos e nun espazo onde pode ser ela mesma. O libro empeza xustamente aí, cando ela vai a esa vivenda e lembra a súa vida con el, dende que se coñeceron, ata que descubriu o seu segredo e como foron tecendo a relación e o contacto co mundo. No medio destas lembranzas aparecen as voces doutras personaxes que ofrecen unha ollada sobre Joss Moody tras a súa morte, como é o batería do seu grupo,o director da funeraria, o notario, o seu fillo, algunhas amizades da infancia, ou a súa nai. A novela é, entón, coma un novelo no que se van desfiando os recordos da muller, e das persoas que coincidiron ao longo do tempo con Joss Moody e que non souberon do seu segredo ata o momento da morte.

Jackie Kay escribiu unha das maiores ficcións (pero moi moi realista) sobre o dereito á identidade sexual e de xénero, e precisamente o libro chega ás nosas mans en galego nun momento de intenso debate social sobre este tema que preocupou dende sempre. De feito, ela foi quen de achegar ideas moi potentes arredor diso nun tempo no que apenas había análises maduradas ao respecto. Así, á conciencia social de Trompeta únese o seu estilo sensible, lírico, cun ritmo moi medido no que se vai dosificando a información ao sentir da narración, dando lugar a unha novela envolvente e cunha atmosfera inmellorable. Así mesmo, aínda que as cuestións que aborda son duras, a autora fai beleza con cada unha das palabras. Literatura de altura.

Ficha técnica

Título: Trompeta

Autora: Jackie Kay

Tradutora: María Reimóndez

Ano de publicación: 2023

Editorial: Hugin e Munin

Número de páxinas: 320

Prezo: 16,50 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.