Deterse a ollar a vida lenta

As novelas poden prendernos á lectura por moitas cousas. Ana Cabaleiro sempre o fai pola súa capacidade para presentarnos un argumento orixinal, inagardado, que case parece de broma. Despois do libro de relatos Sapos e sereas, chegou As Ramonas e Deixádenos remar, e agora sorpréndenos con Xa vemos palmeiras, unha obra estilisticamente máis depurada pero na que observamos claramente a súa impronta, caracterizada principalmente pola presenza dun humor sarcástico, herdeiro da retranca do noso pobo e da que tanto fai gala a autora de Silleda.

Xa vemos palmeiras, proxecto levado a cabo grazas a unha residencia literaria, parte dunha viaxe organizada ao deserto de Merzouga, no Sáhara marroquí, na que participa a narradora polo fin de ano. O que prometía ser unha viaxe sen grandes sorpresas, convértese en toda unha experiencia vital, pois á volta dela xa nada será o mesmo. Ana Cabaleiro escribe unha novela que pertence á literatura de viaxes (imposible non lembrarse de xornalistas como Javier Reverte ou Ryszard Kapuscinski), pero con tons de ensaio, pois nela reflexiónase moito sobre a propia dualidade entre o feito de viaxar e de facer turismo, ou as présas coas que habitamos o mundo e case o devoramos sen gozar de nada. Esta forma de escribir engarza coa preocupación buscada pola autora de repensar os referentes das viaxes, pois a narradora dáse de conta de que a pesar de ser unha gran lectora de libros desta temática, todos eran de referentes masculinos, e tamén trataban sobre homes. Por iso busca reverter esta idea e comeza a buscar as mulleres, que estaban aí pero que ficaran esquecidas, como Juanita Narboni ou Rachel Muyal. O libro adquire, pois, unha dimensión certamente social, o que tamén se pode observar nos fragmentos que visibilizan as tradicións dos pobos e do mundo rural que a autora e a narradora comparten. Tal é o caso de cando fai referencia ao Día do Cordeiro no deserto, e o compara coa matanza do porco galega, e tamén como estas tradicións sorprenden a algunhas persoas que ían no grupo porque non sabían delas.

O libro é unha forma de reivindicar o vivir lento. De feito, hai un momento na narración no que se fala do acto mesmo de ‘pasmar’, de deterse ante as cousas, de observalas con cariño, de fuxir das présas. Así, aínda que o que se conta está en continuo movemento, o que se pretende é lanzar unha reflexión sobre o sentido do tempo e o seu valor, máis necesario ca nunca nestes tempos que habitamos de convivencia coa tecnoloxía.

Ficha técnica

Título: Xa vemos palmeiras

Autora: Ana Cabaleiro

Ano de publicación: 2023

Editorial: Xerais

Número de páxinas: 144

Prezo: 17,50 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.