Durante moito tempo vendéusenos a Transición coma o mellor que nos puido pasar. Saïamos da ditadura na que nos faltaba o osíxeno, na que nos afogabamos e, de súpeto, abriuse un pouco o mundo e xa se pensaba que tiñamos todo feito. Pero aínda quedaba moito por facer. E queda a día de hoxe. Proba diso, do traballo que temos por diante, reflíctese no libro A Transición en Galiza, unha proposta ideada dende a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña e que coordina o profesor e doutor Uxío – Breogán Diéguez Cequiel. Nel atopamos unha análise do que significou a Transición na Galiza a través de diversas manifestacións, e tamén se cuestiona este período histórico que, aínda que supuxo a entrada de aire fresco, non cumpriu nin moito menos coas expectativas previas ao golpe de estado e aos corenta anos de ditadura.
O libro, a través das múltiples olladas, é unha reivindicación do propio país galego, sempre relegado nos estudos históricos a un lugar periférico que non lle corresponde e que oculta o que realmente aconteceu e acontece aquí. Así, naqueles anos, o que aquí se nos conta é que xermolaban moitas manifestacións que buscaban remarcar e botar a andar a idea dunha identidade galega propia, unha tarefa que pasaba por fomentar o uso do galego e da cultura propia. A regaleguización é un tema que abrangue todos os artigos, nos que persoas expertas en cada campo analizan de que forma se teceu esa loita contra o status quo e a reivindicación por construír espazos propios. Podemos lelo como artigos separados, pero tamén coma un todo, no que descubrimos que os protagonistas son sempre as mesmas persoas, institucións e colectivos, estando moi presentes, por exemplo, a Unión do Povo Galego, a Asociación Cultural O Galo, movementos como a Nova Canción Galega, revistas como Grial, ou editoriais como Galaxia. Neste sentido, o libro dialoga un pouco con aquel de Mario Regueira titulado Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1933-1966), pois este último tamén analiza como se foi tecendo a galeguidade ao longo do tempo.
Política, sindicalismo, lingua e literatura, asociacionismo cultural, feminismo, comunicación e represión son as temáticas principais deste libro, que é un documento histórico e que contén unha análise pioneira, que abre camiños. Por iso tamén é importante que o proxecto conte co financiamento e o apoio do Concello da Coruña, porque necesitamos que as institucións dean un paso adiante efectivo e tomen en serio a recuperación da memoria individual e colectiva.
Ficha técnica

Título: A Transición en Galiza
Autoría: VVAA (coord. Uxío – laioventoBreogán Diéguez Cequiel
Ano de publicación: 2023
Editorial: Laiovento
Número de páxinas: 376
Prezo: 24,95 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
