Que queda cando xa non queda nada?

Todas as persoas temos teimas. Eu sempre que paseo ou coñezo un lugar observo detidamente as casas baleiras, nas que tento indagar que pasou para que as súas portas se pechasen ou os porqués de que unha billa oxidada fique á intemperie. Os obxectos, neste caso, son capaces de poñer a voar rapidamente a imaxinación e de activar historias reais ou ficticias. A memoria constrúe, entón, os espazos, o que lembramos deles e o que queremos que sexan para nós.

Ninguén queda, coa que Brais Lamela gañou o Premio da Crítica 2022, é unha obra híbrida e experimental, na que se busca indagar no pasado e no futuro de certos lugares, tanto os habitados polo propio autor, entre unha aldea do rural galego e New York, como os esquecidos na Terra Chá tras os asentamentos da colonización levantados pola ditadura na década de 1960 e que obrigaron a moitas persoas a reordenar as súas vidas e comezar de novo noutros espazos. Nela fálasenos do desarraigamento, desa sensación de soidade cando nos rouban a identidade do que somos e, neste sentido, ese mozo, que ás veces nos lembra a un flâneur, dialoga cos seus antepasados e tamén con outros autores e autoras que teñen analizado a relación entre a memoria e o que habitamos, caso da Premio Nobel Olga Tokarczuk (da que aparece una cita ao comezo) ou outras voces da literatura latinoamericana, como poderían ser Margarita García Robayo ou Fernanda Trías. Pero Lamela vai máis alá do físico, e propón tamén unha lectura complementaria, na que se analizan as formas de estar no mundo das persoas que non teñen un lugar ao que volver ou das que non saben moi ben cal é ese lugar. Como non, no substrato máis baixo está a precariedade dos mozos e mozas que deixaron o noso país e volven recorrer á emigración, como fixeran tantas antepasadas no século pasado.

Que queda cando parece que non queda nada? Acaso podemos salvar algo cando xa todo está esquecido? O narrador interpélanos continuamente con preguntas que nos levan a cuestionarnos sobre o papel que temos no mundo. Preguntas para as que non sempre dispoñemos de respostas correctas, preguntas que conectan coa memoria do que somos ou quixemos ser.

Ninguén queda é unha das obras máis orixinais escritas en galego dos últimos anos, pois nela atopamos trazos do ensaio antropolóxico, da novela de autoficción, e ata construcións sintácticas que parecen versos tirados dun poema. De feito, mentres vas lendo resulta imposible non atoparlle semellanzas coas obras de Berta Dávila, que tamén destacan por levar o estilo ao límite e propoñer obras difíciles de clasificar.

Ficha técnica

Título: Ninguén queda

Autor: Brais Lamela

Ano de publicación: 2022

Editorial: Euseino ? Editores

Número de páxinas: 182

Prezo: 18,00 €


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.