“Búscame / Estarei no azul / Entre o ceo e a auga / Onde todo o tempo é agora / E onde estamos xuntos / Fluíndo coma un río”. Estes versos, que son coma unha canción doce, envolven ao longo do tempo a vida da familia Baraka, xa dende o principio dos tempos, “cando a nosa historia repousaba nos outeiros, folgando nos días bucólicos do rural”. Co xenocidio de Israel ao pobo palestino, lemos O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhaba, na busca de información, de saber que acontece, porque na realidade os medios de comunicación desinforman e tratan o conflito palestino – israelí dende o poder do diñeiro e sen ter en conta as vidas humanas alén das cifras.
A literatura serve para explicar o mundo. Para ver o lado humano que xa parece que se perdeu. No medio de tanta barbarie, esta obra, que publica Laiovento na colección Candemaia e coa tradución de Rocío Viéitez Ferro, narra de forma brutal e máxica á vez o que pasa en Palestina. É unha novela engaiolante que percorre moitos anos de historia e diversas xeracións, e con moitas voces, tempos e espazos. O que queda de manifesto tras a lectura deste libro é que o pobo palestino vive no desarraigo, resignado ao exilio mesmo dentro da súa propia terra, o que os leva a non agardar nin sequera o día seguinte. Abulhaba manexa moi ben o ritmo da narración, de forma que nos vai contando todo o que aconteceu dende o ano 1948 e as continuas agresións ao pobo palestino ao longo do tempo, e non agocha a súa indignación, porque o libro é en primeiro lugar unha denuncia evidente, unha defensa dos dereitos humanos, unha forma de ver as persoas e rexeitar as armas. Todo o que se conta aquí é moi duro, e a novela non o agocha, pero a autora vai máis alá e tamén quere darnos esa parte da historia do seu pobo que non sempre se coñece, e por iso as personaxes beben moitos tés e cociñan alimentos típicos, manteñen as súas tradicións e costumes. Esas mulleres, porque son a maioría, resisten aí, entre esas paisaxes de azul entre o ceo e o mar, porque lembran ás veces que houbo un tempo no que habitaban a súa terra en tranquilidade. Pero todo se truncou cando “non había traballo na terra” e despois de que “o asedio israelí a Gaza aumentase o desemprego”. Así pois, as pasaxes históricas e de denuncia fíanse con fragmentos ateigados de realismo máxico, que son un deleite para os sentidos. Oxalá esta novela consiga facernos comprender a historia para que algún día aprendamos dela e non repitamos os erros do pasado.
Ficha técnica

Título: O azul entre o ceo e a auga
Autora: Susan Abulhawa
Tradución: Rocío Viéitez Ferro
Ano de publicación: 2023
Editorial: Laiovento
Número de páxinas: 382
Prezo: 23,95 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
