As efemérides sempre son unha boa ocasión para recuperar voces ou para reivindicalas doutra forma. Este 2022, coincidindo co centenario de María Casares, as editoriais galegas apostan por obras que falan desta muller renovadora do teatro e que sufriu o exilio froito do golpe de estado e da ditadura. Propostas como María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida, de Arancha Estévez (Aira, 2022), María Casares fronte ao espello, de Sabela Hermida (Xerais, 2022), ou A única. María Casares, de Anne Plantagenet (Kalandraka, 2022), ofrecen olladas diversas sobre unha muller da que todas escoitamos falar, pero da que se coñece aínda moi pouco.
En María Casares fronte ao espello, Sabela Hermida explora a vinculación da actriz galega co existencialismo, unha perspectiva novidosa e que parte dunha análise pormenorizada de toda a produción teatral e cinematográfica da que fora filla de Casares Quiroga. Tal e como salienta Miguel Anxo Fernán Vello no limiar, “co presente libro fica probada, de maneira definitiva, a galeguidade, tamén política no fondo do seu corazón e do seu cerebro (podo dar fe), de María Casares”. Precisamente esta análise profunda nese compromiso que ela tiña co teatro e co mundo pois, ao igual que Federico García Lorca, consideraba que era unha ferramenta que podía promover o cambio.
O presente libro, entón, non pretende ser unha biografía ao uso de María Casares, senón que se concibe coma un estudo do seu traballo de forma intrínseca, e con coñecemento do que ela simbolizou tanto para a colectividade do seu tempo como para a de hoxe. O libro que temos entre mans constitúe unha boa opción de lectura para as persoas que xa coñecen á actriz galega. Por iso, e ao non ser unha biografía, comox a dixemos, non contén moitas fotografías, aínda que si temos unha cronoloxía vital e profesional, así coma unha listaxe de obras protagonizadas por ela ou nas que participou.
O libro está escrito por Sabela Hermida, considerada unha das máximas autoridades intelectuais e académicas sobre María Casares en Galicia, tal e como testemuña Fernán Vello ao comezo. De aí que asistamos a reflexións moi potentes arredor da filosofía e do que Casares entendía como teatro, que se completan coa inclusión de citas en varias linguas tanto dela como de intelectuais da época que falan sobre o seu traballo.
Cómpre alertar de que o libro contén algunhas grallas ortográficas, que cumpriría revisar en futuras edicións, posto que estes erros diminúen a calidade final, a pesar de que o deseño da portada en tapa dura sexa unha marabilla.
Ficha técnica

Título: María Casares fronte ao espello
Autora: Sabela Hermida
Ano de publicación: 2022
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 182
Prezo: 19,50 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
