A loita pola liberdade levou a moitas persoas ao límite, a atravesar as probas máis duras para tentar conseguila. No noso pasado máis recente, o golpe de estado puxo a homes e mulleres entre a espada e a parede, e foi quizais naquel tempo, e en xeral nas guerras, cando máis se tivo constancia de que as persoas nacen para ser libres. Inma López Silva explora a liberdade e os seus límites no seu último libro, Escola de mulleres, unha novela que entronca de forma directa con aqueloutra obra de Molière e que nos leva a afrontar moitas preguntas: que fariamos para ser libres? Acaso renunciariamos ao máis íntimo para poder cumprir os nosos soños?
López Silva é unha das autoras galegas actuais que máis e mellor explora as lindes entre o politicamente incorrecto e aquilo polo que pelexamos. Aquí temos a Gloria, unha muller que traballa na universidade de forma precarizada e que soña con abrir unha libraría especializada en literatura francesa. Ela vive a cabalo entre eses soños e a súa realidade máis cotiá e menos envexable, asolada polas pantasmas do pasado e da perda e tamén cunha loita permanente por ser libre, e por non ficar presa nunha gaiola.
Acompañan a Gloria os ecos das voces doutras mulleres do pasado, iconas reivindicadas polo feminismo como María Casares, Simone de Beauvoir e Zelda Fitzgerald, que protagonizan unha especie de conversa analizando a Gloria e as propias contradicións que, en maior ou menor medida, preocupan a moitas delas: a liberdade e o poder sobre o propio corpo, a separación entre o amor e o sexo, a loucura e a revolución… A través delas catro, pero sobre todo de Gloria, López Silva aborda algunhas das cuestións que máis nos preocupan como mulleres: a consecución do éxito persoal e profesional, o dereito a exercer unha liberdade absoluta sobre a mente e o corpo de cada unha, a perda e a dor, a valentía de continuar mirando cara adiante, a pesar de todo, as viraxes da mente e a loucura…. Pero, como xa é habitual na súa literatura, a autora non se agocha en compracencias, senón que explora todos os límites e, neste caso, o que fai é propoñer moitos debates que están no pensamento feminista para aplicalos ao día a día. Resulta imposible non ver aquí reflexións que nacen das lecturas da autora de obras feministas actuais, como as que, intúo, son as Virginie Despentes.
Ficha técnica

Título: Escola de mulleres
Autora: Inma López Silva
Ano de publicación: 2023
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 455
Prezo: 21,90 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
