Despois de tanto silenzo, estamos nun tempo prolífico para as antoloxías que nos ofrecen voces de mulleres, propostas estas que axudan a crear referentes entre as nenas do presente e do futuro. Nos últimos meses do pasado ano, por exemplo, viron a luz dúas propostas interesantes: Así fala Penélope, coordinada por Marta Dacosta e publicada por Chan da Pólvora, é un libro que recolle versos de mulleres galegas contemporáneas e da nosa realidade máis recente, e que se le coma un percorrido por esoutra ollada que faltaba; e Entre leiras e labores defínese coma unha obra desas que chamamos “xoia”, na que atopamos a palabra e a obra artística de catorce mulleres galegas actuais.
Baixo a coordinación de Inma Doval Porto, Entre leiras e labores dános a oportunidade de coñecer a Afra Torrado, Ana Pillado, Ánxeles Penas, Begoña Paz, Blanca Silva, Charo Lopes, Clara Martín, Emma Pedreira, Eva Méndez doRoxo, Helena Villar Janeiro, Lorena Conde, Rebeca Baceiredo, Soledad Pite Sanjurjo e Viki Rivadulla. Todas elas teñen en común que escriben e fan obras artísticas, ben sexa a través da fotografía, das expresións plásticas, da ilustración etc. Tal e como salienta Doval Porto no limiar, “as autoras desta antoloxía son nómades entre a palabra e a imaxe, en ocasións chegan a crear eses obxectos inespecíficos porén, na maior parte dos casos son autoras mutantes e de oficio múltiplo… por realizaren un traballo pendular entre a escrita e as artes plásticas ou visuais onde non sempre existe hibridación verbo – visual”. Así, o que atopamos aquí é un traballo moi necesario e único, no sentido de que recolle por primeira vez o labor nestes dous eidos de mulleres que están traballando na actualidade e que non atopan todas as canles que merecen para ensinar o que fan. O libro é, en si mesmo, un escaparate para que coñezamos as obras de arte tecidas coa mente e coas mans, e pretende provocar en nós o desexo de seguir sabendo máis sobre estas e outras autoras.
Entre leiras e labores, publicada pola fermosa editorial Urutau, xoga xa dende o título coa hibridación de terreos, de disciplinas, e pretende darlle a volta ao feito de que as mulleres poidamos facer algo máis que “tecer” e “sachar”. Ademais, tamén é moi interesante dende o punto de vista da mestura de disciplinas artísticas, que é unha tendencia moi en auxe tamén no noso país, con propostas individuais da propia Inma Doval ou tamén de Emma Pedreira, que podemos coñecer tamén en Urutau.
Ficha técnica

Título: Entre Leiras e labores. Antoloxía verbo- visual de autoras galegas
Autoría: Varias autoras
Coordinación: Inma Doval Porto
Ano de publicación: 2022
Editorial: Urutau
Número de páxinas: 187
Prezo: 16,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
