A literatura ten unha forte compoñente que incita ao cambio, pois provoca reflexións que nos levan a promover mudanzas sociais, ou polo menos alerta sobre elas. Consciente desta idea, Carmen PG Granxeiro, teceu o argumento de Estranxeiras, unha novela fresca e reivindicativa coa que gañou o II Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero do Concello de Pontevedra. A autora, quen xa conta cunha dilatada produción audiovisual propia e que participou nas diversas actividades ao longo destes anos das Xornadas de Pinto e Maragota, construíu unha historia na que fala da dificultade para ser, a través dunha serie de personaxes que o único que desexan é perder o medo a vivir e acadar a felicidade plena. Aínda que poida semellar algo sinxelo, co auxe da ultradereita ameázase cun retroceso, e de aí que sexan máis necesarios ca nunca estes libros.
Estamos diante dunha historia que se desenvolve nunha aldea, na que recala B, unha muller alemá que viaxa en moto na busca de algo que non se sabe ben que é pero que ten algo que ver coa propia identidade. Alí atoparase co resto de persoas que habitan este espazo que alterna entre o onírico e a loita, aínda que conecta de forma especial con Mara e co seu fillo Antón, ao que lle encantan as fadas e ao que ela lle descobre os unicornios. As personaxes son entrañables, inesquecibles, e a través delas reflexionaremos arredor das contradicións sobre a identidade que experimentamos a nivel persoal e tamén social.
O libro aborda cun estilo moi áxil, fresco e nada requintado, a realidade das persoas LGBTIQ+, tanto os seus sentimentos como as formas que temos as demais para prestarlles axuda e apoio. Pero a obra vai máis alá, e tamén é un alegato a outras formas de vivir alternativas e respectuosas co medio ambiente e co intercambio interxeracional e a vida en comunidade. Neste sentido, a historia ten concomitancias nalgúns fragmentos coa literatura feel good, que é unha corrente que define aqueles libros que nos fan sentir ben, que provocan sensacións positivas.
Non podemos esquecer tampouco as referencias culturais, tanto de libros como de películas ou cancións, que engarzan con esta temática e que poden servir de camiño no caso de que queiramos coñecer máis.
Estranxeiras é, en definitiva, un libro sobre a necesidade que temos de ser, tarefa que non sempre resulta doada e que cómpre defender con unllas e dentes. Porque, como di unha das protagonistas, “non se trata de saír gañando. Nin de privilexios. Trátase precisamente da falta deles. De que ninguén saia perdendo”.
Ficha técnica

Título: Estranxeiras
Autora: Carmen PG Granxeiro
Ano de publicación: 2022
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 200
Prezo: 17,50 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
