Un home foxe de alguén, do pasado ou de si mesmo, e avanza cara adiante, case sen alento, buscando un futuro sen saber sequera se o haberá. Camiña precipitadamente dende a Colonia, nun ambiente que o afoga, que o apreixa, que lle fai perder case a vida. De aí, dese lugar, que é en realidade un non-lugar, parte a nova novela de Xaime Toxo, 70º Norte, na que o poeta e filósofo pontevedrés reflexiona arredor da súa preocupación polo presente e o futuro do ser humano, cunha visión moi nihilista e que nada ten de positiva. A medida que lemos, nós tamén nos abafamos, sentimos o baleiro dese gris continuo que se respira dende a propia portada e que impregna todo o libro. A atmosfera é fría, as descricións crúas, o futuro, desolador.
Ante iso, o protagonista leva con el un caderno no que escribe sen parar, no que conta a viaxe a modo dun cronista porque, como el mesmo testemuña, precisa deixar rexistrado, cumprir co “combustible de narrarse”. A lectura neste caso é unha busca desa suposta meta dese home que camiña. Cara onde vai? Que busca? Que precisa? Ateigado de filosofía, o libro ten moito de apocalíptico, de “certificar a defunción da especie” porque estamos a destruír o planeta. Pero tamén se pode ler coma unha chamada a actuar, a analizar o que podemos facer para acadar unha suposta, aínda que pouco probable, salvación.
Cun estilo moi poético e intimista, 70º Norte destaca pola súa capacidade para xerar unha atmosfera sensorial, na que se activan todos os sentidos, do mesmo xeito que acontece noutras obras como La carretera de Cormac McCarthy ou na recente Desierto sonoro, de Valeria Luiselli. A novela de Toxo dialoga estreitamente con estas dúas, sobre todo no tratamento das fronteiras e coa casa e lugar propios. Así mesmo, interesante é tamén a reivindicación da memoria, de como lembramos o mundo e llo contamos (ou gardamos) aos fillos, e de que forma viviriamos se perdésemos a linguaxe.
Todo o libro se le case ao borde da éxtase, como cando vas correndo e ficas sen folgos, porque nos leva cara algún lugar que non sabemos ben onde se sitúa, pero si nesa oposición entre o norte e o sur. Este ritmo desasosegante increméntase ao final, cando topamos con dous monólogos que son verdadeiros alegatos, tanto o da muller que fica na casa como o do home que chega. Son visións diferentes pero cunha preocupación conxunta que é a que latexa tamén no conxunto do libro: o futuro do mundo e da existencia.
Unha obra que deixa moitas preguntas, que conmove, pero sobre todo, que incomoda a nosa comodidade e nos fai cuestionarnos o que quizais antes aínda non foramos capaces.
Ficha técnica

Título: 70º norte
Autor: Xaime Toxo
Ano de publicación: 2023
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 232
Prezo: 21,95 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
