Herdamos as culpas?

María Solar, autora de "Os nenos da varíola"

Que pasaría pola vosa cabeza se dun día para outro alguén vos deixase unha herdanza que vos solucionase a vida para uns cantos anos? Acaso cambiaría algo se non coñecésedes a esa persoa de nada? E se tivese unha historia escura? Sobre esas preguntas pivota a nova novela de María Solar, titulada precisamente A culpa e coa que a xornalista e escritora compostelá gañou o XXXIX Premio Xerais de Novela.

A obra está contada a dúas voces, unha fórmula que atrapa ao lectorado xa dende o inicio. Atopamos, pois, a Amanda, unha muller que traballa nun banco e que acaba de deixar unha relación coa súa parella, cando de súpeto unha señora maior lle deixa a súa herdanza, sen que ela coñeza realmente os motivos. A narración desta primeira parte déixanos coa intriga para dar paso xa a unha especie de diario no que unha mulle a piques de morrer, Mirtha Val, conta as súas orixes humildes e a loita por converterse nunha gran artista, un camiño non exento de pedras e no que descubrirá que as persoas que cría salvadoras poden ser en verdade verdugos. A historia destas dúas mulleres unirase nunha especie de fío invisible e dunha forma moi casual, e non podemos parar de ler tentando buscar esa unión. Neste sentido, a autora manexa moi ben os mecanismos da intriga e do ritmo narrativo, aínda que ao chegar ao final rapidamente nos decatamos de que existe unha diferenza evidente entre as dúas historias, pois a que debera ser secundaria adquire moitísimo protagonismo e a outra parece que se evapora rapidamente, sen deixar demasiado pouso.

Nesta obra fálasenos das culpas, das que non son nosas e herdamos (sobre todo as mulleres), e daquelas que nos impoñen dende as propias formas de entender o mundo. Neste sentido, atopamos citas moi potentes que nos levar a reflexionar sobre este asunto, aínda que tamén existen fragmentos nos que a autora cae no maniqueísmo e en fórmulas precociñadas pouco orixinais e xa moi vistas, caso desa maldade que xorde por unha infancia dura. Penso, así e todo, que é unha novela con luz, escrita dende un estilo madurado e no que se observa un gran labor de poda, ademais dese debate que se abre arredor da escrita como ferramenta de anclaxe ao mundo (tal e como fai a artista Mirtha Val).

Volvendo ao inicio desta crítica, as culpas non deberían de herdarse, aínda que si é certo que ningún ser humano pode vivir alleo ao que o precedeu, e nesa tese se move a novela que temos entre mans, coa que María Solar consegue ir un pasiño máis alá e ofrecer un argumento máis arriscado ca noutras obras súas anteriores.

Ficha técnica

Título: A culpa

Autora: María Solar

Ano de publicación: 2022

Editorial: Xerais

Número de páxinas: 334

Prezo: 18,50 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.