As palabras valentes

Dicía Ryszard Kapuscinski, un dos clásicos do bo xornalismo, que “os cínicos non serven para este oficio”. Referíase el nun dos seus libros máis míticos a que as persoas que exercesen esta profesión deberían ser boas e defensoras das causas xustas, xa que o xornalismo, lonxe do que ás veces nos intentan contar, non debe ser xamais imparcial, aínda que si honesto e sen faltar á verdade.

Fran P. Lorenzo non é ningún cínico. Descúbroo lendo A festa equivocada, un libro no que se recolle unha selección dos artigos que o xornalista vigués fora publicando no “Vai de blog”, unha sección vinculada ao extinto xornal Galicia Hoxe na que estivo dende o 2004 ata o 2010, ano no que foi cancelada ou, mellor dito, censurada. Nestes escritos, Lorenzo demostra unha mestría brutal no manexo do artigo de opinión, cun estilo propio no que parte sempre da realidade máis cotiá para levarnos a través de grandes referentes culturais (literarios e cinematográficos) e propoñer unha análise da realidade, coas súas múltiples arestas.

O xornalista e novelista leva á máxima expresión o que reivindicaba Kapuscinski, pois nos seus textos atopamos unha defensa das causas xustas como as da diversidade LGBTIQ+, as do feminismo, as da lingua galega, así coma unha crítica a esa política que fai as cousas mal e que non está á altura do país que debería protexer. Neste sentido, o autor mostra reflexións sen pelos na lingua, practicando un xornalismo que fuxe da neutralidade opresora e do maniqueísmo.

Cando abrín este libro, e tras ler o limiar de María Yáñez, souben que non estaba nunha festa equivocada, que este festexo era o meu e o de todas as persoas que cren que o xornalismo ten futuro se se afasta do poder e actúa coma un contrapoder. Malia todo, ou quizais por iso, esta festa si que é equivocada para as que lles vai mellor unha prensa manipulada e con intereses comerciais e políticos detrás.

A obra que temos entre mans é máis ca nunca necesaria, pois os temas que aborda seguen de candente actualidade, e ata distingo unha certa premonición nas palabras valentes de Fran P. Lorenzo, ao que lle atopo parecidos con Carlos Casares, quen escribía a diario unha columna moi seguida, ou mesmo con outras voces como Leila Guerriero que, aínda afastada no espazo, si defende un xornalismo persoal e político.

Ficha técnica

Título: A festa equivocada

Autor: Fran P. Lorenzo

Ano de publicación: 2022

Editorial: Rodolfo & Priscila

Número de páxinas: 239

Prezo: 19,50 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.