«Zoom» de Ramón D. Veiga

Ás veces cando paseo por un lugar que non coñezo moito e vexo unha casa pechada, dou en imaxinar que historias se agochan detrás desas portas e ventás que quizais hai tempo que non se abren ao sol. Soño coas persoas que habitaron eses espazos, e co momento no que deixaron de facelo polas circunstancias que fosen. Ante esta manía miña, non resulta estraño que me gustasen moito os relatos de Zoom, o libro co que Ramón D. Veiga se estrea na narrativa de adultos. Despois de títulos exitosos para a cativada, como Violeta quere ser vampiro. Un conto do Samaín, De festa en festa ou Bombas de chocolate, Domínguez Veiga conquista ao público adulto cun monllo de doce relatos inspirados en fotografías de persoas ás que admira moito, como son Tamara de la Fuente, Pablo Rivas Caride, Lucía García Rey, Susana Estévez, Javier Fernández Pérez de Lis, Paula Gómez del Valle, Marta Moreiras, Ángel Tourón, Iván Nespereira e Hugo Aldatz Alonso. Segundo el mesmo conta, primeiro pediulle a estes fotógrafos e fotógrafas que lle enviasen unha imaxe e a partir de aí, sen coñecer nada do contexto da mesma, comezou a imaxinar os relatos que finalmente recolleu baixo o título de Zoom, precisamente porque é como se achegase o obxectivo dunha cámara e vise o que hai detrás da aparente realidade.

Zoom é un libro construído de historias que transitan entre o lado máis amable e os máis desagradables do ser humano, pero todas elas están escritas dende o humor e a retranca máis galegos. Por iso, mentres os lemos rirémonos moito porque, como di o autor, sempre hai que tomar a vida con humor para sobrelevar os problemas que vaian acontecendo.

Dende unha páxina ata a vintena, os relatos que crea Ramón D. Veiga supoñen en si mesmos exercicios de estilo e de creación, pois neles condénsase a vida e as súas múltiples arestas, e cada palabra debe estar posta con moito coidado, sen que sobre nin falte nada.

“A avoa xa non cheira mal -proseguín-, a pesar de que alí, segundo me contou, non necesita xabóns para disfrazar o cheiro a pel vella. Mamá ole a fresco, a vento, a bruma e a flores acaba de coller. Quero que me leves á casa e abrir todas as fiestras e contemplar a néboa dende o balcón. Xa non me dá medo, Agora penso que nunca mo deu. E quero estar preto delas”.

E que relato me gustou máis a min? Todos eles teñen, como xa comentei, o seu encanto e son ideais para ler en ratos mortos, dada a súa brevidade; pero a min o que máis me chegou, co que escachei a rir sen parar, foi o que se titula “A función”, no que atopamos a dous pavos que manteñen unha conversa do máis delirante, dende que se namoran, coma unha parella, ata que discuten e se odian por momentos.

Ficha técnica

Título: Zoom

Autor: Ramón D. Veiga

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2022

Número de páxinas: 110

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.