Cuestionario Proust: Gonzalo Hermo, poeta

Gonzalo Hermo nace en Rianxo no 1987. Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, publica os seus primeiros textos en revistas como Dorna, Andar 21, Nova Ólisbos. Xa dende ben novo lle chegan recoñecementos pola súa poesía: no 2011 obtén o Premio Poesía Xuventude Crea co libro de poemas Crac, e no 2015 o Premio Nacional de Poesía Joven por Celebración.

Actualmente reside en Cataluña, e os seus últimos poemarios A vida salvaxe e Celebración aparecen traducidos ao catalán.

Gonzalo Hermo é unha das grandes voces da poesía galega actual, e recoñece dedicarse a este oficio despois de ler Follas Novas de Rosalía de Castro. Coñecémolo mellor neste Cuestionario Proust:

1. O principal trazo do teu carácter? A curiosidade.

2. Que calidade aprecias máis nun home? Unha mente aberta e un corazón bondadoso.

3. E nunha muller? A mesma.

4. Que agardas das túas amizades? Un ir e vir sen obrigas, libre e empático.

5. O teu principal defecto? Unha forma de soberbia: borrar sen opción a emenda aquilo que me mancou por dentro.  

6. A túa ocupación favorita? Conversar sen regras nin mapas, con sentido do humor.

7. O teu ideal de felicidade? Saber estar só. Estar acompañado.

8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder o interese.  

9. Que che gustaría ser? Un paxaro. Probablemente unha lavandeira.

10. En que país desexarías vivir? Nunha república rexida polos principios de igualdade e xustiza social.

11. A túa cor favorita? O azul cobalto.

12. A flor que máis che gusta? A da amendoeira. Cousas de vivir algunhas primaveras a carón do campo de Tarragona.

13. Que paxaro prefires? Dixen a lavandeira, pero tamén podería ser a garza. Ou o cisne.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Teño unha débeda con Marguerite Duras. Lin O amante con 15 anos e coido que aínda non conseguín sobrepoñerme a esa lectura.

15. E poetas? Aqueles cuxos versos levo enterrados no corazón.

16. Un heroe de ficción? Tiresias.

17. Unha heroína? Scarlett O’Hara. Todos podemos ser mesquiños algunhas veces, pero non todos temos esa paixón entregada pola vida.

18. O teu músico ou música favorito/a? Os que figuran nas miñas listas de Spotify. Hai de todo.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Caravaggio. Aínda que se tivese que escoller un cadro sería unha anunciación. A de Fra Angelico. Ou a do Greco.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? Meu pai.

21. O teu nome favorito? Mariña e Xacobe.

22. Que hábito alleo non soportas? Xulgar comportamentos e persoas con parámetros herdados e non problematizados.

23. Que é o que máis detestas? A ausencia de solidariedade. A inxustiza.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Lista longa e previsible.

25. Un feito histórico que admires? Atenas, 1971. A asistencia masiva dos gregos ao enterro do poeta Giorgio Seferis para protestaren contra a ditadura dos coroneis.

26. Que virtude desexarías posuír? Unha forma de calma non sedante.

27. Como che gustaría morrer? Sen dor. Afortunadamente, iso xa é posible no país en que vivo.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Reflexivo.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os derivados da falta de intelixencia.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Os problemas non hai que vivilos dúas veces. Débollo a unha muller sabia.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.