Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de pintura, Luz Beloso é pintora , ilustradora e profesora de debuxo, e participou en numerosas exposicións nacionais e internacionais. A súa forma de entender a ilustración é transversal e os seus debuxos forman parte de moitas historias literarias, sobre todo infantís e xuvenís.
De entre os últimos proxectos nos que participou destaca Unha folla vermella, un álbum ilustrado de edición numerada e limitada no que fai, xunto aos textos de Miguel Ángel Alonso Diz, unha reflexión crítica sobre o proceso de creación. Outros libros actuais ilustrados por ela son O enigma do baúl pechado, de Xosé Antonio Neira Cruz, Non te amola!, de Xela Arias, A fuga de Guillermo, de Helena Villar Janeiro, e H2… oh! Pingas científicas, de María Canosa.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
- O principal trazo do teu carácter? A perseveranza.
- Que cualidade aprecias máis nun home? A transparencia , a humildade e a empatía.
- E nunha muller? Exactamente o mesmo.
- Que agardas das túas amizades? Nada.
- O teu principal defecto? Ansiosa.
- A túa ocupación favorita? Debuxar.
- O teu ideal de felicidade? Estar en paz comigo mesma e compartir tempo coa xente que quero.
- Cal sería a túa maior desgraza? Non poder remediar o sufrimento das persoas ás que quero.
- Que che gustaría ser? Luke Skywalker.
- En que país desexarías vivir? No que vivo.
- A túa cor favorita? Case verde, case azul ; PANTONE 325 U.
- A flor que máis che gusta? A papoula.
- Que paxaro prefires? Os que se achegan á miña xanela pola mañá.
- Os teus autores/as favoritos en prosa? Ana María Matute.
- E poetas? Gloria Fuertes.
- Un heroe de ficción? O principiño.
- Una heroína? Matilda.
- O teu músico ou música favorito/a? Angelo Badalamenti.
- O teu pintor ou pintora preferido/a? Xaime Quessada.
- O teu heroe ou heroína na vida real? O meu pai , a miña nai e Juan Sicilia.
- O teu nome favorito? “Bina” que provén de Balbina.
- Que hábito alleo non soportas? O de apagar o cigarro na area da praia deixando a cabicha enterrada.
- Que é o que máis detestas? Non durmir e a carne crúa.
- Unha figura histórica que che poña mal corpo? As dos opresores.
- Un feito histórico que admires? Os logros históricos relacionados coa loita feminista.
- Que virtude desexarías posuír? Forza de vontade para facer deporte.
- Como che gustaría morrer? Canto máis tarde mellor e sen decatarme.
- Cal é o estado máis común do teu ánimo? Variable, loitando por ver o lado positivo das cousas .
- Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os da inocencia.
- Tes unha máxima ou lema de vida? Non son moito de lemas , pero gústame esta frase de Joseph Beuys “Non estou para decorar este sistema podrecido, senón para facer unha revolución”.