“Rodolfo e Priscila”, unha nova editora galega que xermolou dende Nova York

A piques de rematar o ano 2021, Berta Dávila e Carlos Meixide sorprendéronnos coa fundación dunha nova editorial: Rodolfo e Priscila, un proxecto independente que se inicia con dous libros moi especiais, que viron a luz xuntos e que son unha gran carta de presentación do que esta editora nos vai traer. Pequeno álbum de Nova York en inverno e A poesía como arte insurxente eríxense como as primeiras apostas desta editorial que busca a excelencia e que promete novos títulos nos que a poesía e a arte estarán moi presentes.

Rodolfo e Priscila faise realidade despois de que tanto Carlos como Berta soñasen con crear unha editora en moitas ocasións, pero de forma moi clara nunha das súas viaxes xuntos a Nova York, que coincidiu co inicio da pandemia da Covid-19. Nese Nova York de neve, de moitas tendas, de luces de neón e doses amplas de amor, comezaron a imaxinar este proxecto que ten nas súas orixes a paixón que se agocha sempre detrás das propostas máis fermosas e que por iso me emociona fondamente. A xénese do proxecto e tamén a historia de amor entre un home e unha muller constitúen os temas de Pequeno álbum de Nova York en inverno, no que se recollen debuxos de Berta Dávila e textos de Carlos Meixide, creando un tándem emotivo que a min me fixo chorar. Porque creo que non existe acto de amor máis fermoso que crear un proxecto que soñan dúas persoas da nada e que ven medrar xuntas. Así acontece con este libro, Pequeno álbum de Nova York en inverno, no que Carlos Meixide conta a historia de amor e o efecto que a cidade de Nova York ten nas súas vidas persoais e profesionais. Cun estilo libre de sensiblerías baratas, Meixide conta como xermola o amor entre dúas persoas de forma nada previsible, e fala de sentimentos universais dun xeito tal que logra chegar a nós sen grandes florituras. E cando el nos conta xa todo o que sente, coa literatura e o cinema moi presentes, xusto despois atopamos os debuxos de Berta, nos que ela conta a súa visión desa primeira vez de Nova York, cunha especial atención aos pequenos detalles, ao cotián, sendo consciente de que esa viaxe no ano da Covid facíaa quizais máis especial. E aí, nesa combinación entre dúas formas de contar, os textos e as ilustracións, reside a maxia, pois cada un dos autores reivindica a comprensión do mundo e dos diversos procesos dende a súa ollada.

“Lembro os nosos primeiros encontros. Pareciamos Robert de Niro e Cybill Shepherd en Taxi Driver, cando quedan na cafetaría de Columbus Square e ela lle regala o disco de Kris Kristofferson. Só que nós coñecémonos na Nave de Vidán e ti prestáchesme un disco de Leilía. Que forte tivo que ser a nosa atracción para conseguir prender naquel sitio inmenso, cheo de luz branca, eco, croquetas e proxectores de vídeo, nunha festa onde a metade dos convidados eran filólogos ou políticos locais, nalgúns casos as dúas cousas”.

E deste amor no día a día, a editora lévanos a un clásico da poesía de todos os tempos, que nos trae ao galego na tradución de Daniel Salgado. Trátase de A poesía como arte insurxente, de Lawrence Ferlinguetti, que se define como un depósito de aforismos que intenta comprender a poesía e a vida, un manual de instrucións ou mesmo a caixa de ferramentas dun poeta moderno. Así o definen na contracapa do libro, e así o descubro eu ao abrir a primeira páxina que é en si mesma unha declaración de intencións:

“Sinálote a través das lapas.

O Polo Norte non está onde adoitaba estar.

O Destino Manifesto xa non é manifesto.

A civilación autodéstruese.

A némese chama á porta”.

Laewrence Ferlinguetti é o derradeiro supervivente da Xeración Beat e faleceu no mes de febreiro de 2021 en San Francisco, cidade na que fundara en 1953 a libraría e editorial City Lights, na que se deron a coñecer as primeiras obras de autores coma Allen Ginsberg ou Jack Kerouac. Permaneceu activo ata o final da súa vida nas súas diferentes facetas e A poesía como arte insurxente publicouse por primeira vez en 2007. Neste libro atopamos unha loita contra as creacións melindrosas, porque a poesía é un xénero que non entende de razóns e que só é necesario sentila. É moi interesante que se lea hoxe en día este libro, xusto cando atopamos dúas tendencias contrapostas: dunha banda, cada vez é maior a calidade das e dos poetas que apostan por creacións rompedoras e con voces que teñen moito que dicir, mais, doutra, emerxen un monllo de propostas camufladas como poesía que non son máis ca proclamas e anuncios baleiros de contido, con metáforas moi manidas e que só buscan o recoñecemento e o aplauso unánime, sen provocarnos máis alá. O libro de Ferlinghetti lese coma un manifesto en defensa da poesía e tamén como un conxunto de consellos para as persoas que queren escribir ou ler poesía. Pero, como xa dixemos, fuxe de calquera tipo de adoutrinamento e o que consegue é facernos pensar por nós mesmas.

Dende aquí desexámoslle toda a sorte a esta editora que de seguro nos sorprenderá con títulos que nos interpelen. Adiante Rodolfo e Priscila!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.