Cecilia F. Santomé, licenciada en Filoloxía Francesa e doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola USC, desenvolveu o seu interese pola palabra escrita en eidos variados, desde o marketing dixital á formación en biblioteconomía. Entre as súas obras atopamos o relato 34, Rue Saint Jacques, co que recibiu o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal en 2017; As orfas daquel verán valeulle o 3º premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, e no eido da novela iniciouse con Quérote e recentemente vén de publicar Unha rapaza de provincias. Así mesmo, participou en proxectos de xornalismo internacional, experiencia da que tirou proveito para coordinar e editar a revista «Coolt», publicación de tendencias pioneira na internet en galego.
Coñecémola neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Mmm… Reducir o meu carácter a un trazo éme complicado. Se alguén o consegue, ten todo o meu respecto.
2. Que calidade aprecias máis nun home? Isto faime pensar en cando aínda era habitual empregar “home” con valor de “especie humana”. Seguinte pregunta?
3. E nunha muller? Visto que non podo esquivala, direi que nas persoas valoro a integridade, a lealdade, o respecto polas demais. Tantas pequenas – grandes cousas…
4. Que agardas das túas amizades? Que sigan facendo comigo o camiño a pesar da distancia que nos separe.
5. O teu principal defecto? Como nas entrevistas de traballo, o ideal sería nomear un que, en realidade, constitúa dalgún xeito unha virtude. Pero iso require un manexo da linguaxe que nin posúo nin busco. Anota: aí vai un defecto.
6. A túa ocupación favorita? Depende da época. Préstame moito saír pasear sen rumbo fixo, sobre todo se estou fóra da cidade. Teño espírito de flâneuse.
7. O teu ideal de felicidade? Non creo en ideais deses, a felicidade está en calquera parte. Só hai que fixarse ben.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder aos meus antes de tempo.
9. Que che gustaría ser? Unha persoa orixinalísima, capaz de contestar este cuestionario sen soar ridícula ou preadolescente.
10. En que país desexarías vivir? Vivín en Francia e Inglaterra, non me importaría pasar un tempo en Italia ou Portugal. Pero non é algo que desexe. Aprendín a aniñar nas persoas, non nos sitios.
11. A túa cor favorita? Adoro as cores, as súas variacións, o xogo que a luz establece con elas. Mais, se tivese que descartar unha, optaría polo verde da herba. É demasiado forte, fai imposible calquera combinación. Un tirano!
12. A flor que máis che gusta? Calquera flor silvestre, sen dúbida. Os pampillos, por exemplo, e tantas outras das que non lembro o nome. Entre as cultivadas, a peonia paréceme moi bonita. Tendo a aborrecer as rosas, a excepción das salvaxes.
13. Que paxaro prefires? Seguro que un psicanalista vería niso algo escuro, pero un dos que máis me gusta é o cuco. Simplemente porque na aldea marca a chegada da primavera, agardamos por el cos brazos abertos.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? A lista sería máis longa que este cuestionario… Depende do xenio, en realidade. Admiro a autores e autoras moi diversos, desde Sally Rooney a Anthony Burgess, Fulgencio Argüelles ou Edna O’Brien.
15. E poetas? Ultimamente, gocei moito lendo a Ana Luísa Amaral; tamén, a Inger Christensen, Natalia Litvinova, Samuel Merino… Logo, están poetas xa de fondo para min como Ismael Ramos ou Antía Otero.
16. Un heroe de ficción? Debo admitir que non me atrae demasiado a figura do heroe, resúltame un chisco previsible e aburrida. Dito isto, ultimamente deixeime seducir por Jean Valjean, de Les misérables.
17. Una heroína? A Maheude de Germinal, a Carmen de Delibes e as súas Cinco horas con Mario. Ambas as dúas, heroínas do cotián.
18. O teu músico ou música favorito/a? Tantos, tantas… e ningunha, a dicir verdade. O meu gusto é demasiado ecléctico como para destacar un ou unha por enriba do resto.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Fascíname Maruja Mallo, por exemplo. A súa obra, ela: todo.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Os heroes e as heroínas non existen, son os pais.
21. O teu nome favorito? O meu non, dende logo. De nena, tiña un auténtico conflito con el. Parecíame pouco popular, así que un día púxenme a engadirlle “María” nos cadernos da escola. Aquela parvada duroume pouco, pero seguín estando descontenta ata que me foi pasando cos anos.
22. Que hábito alleo non soportas? Calquera que denote un escaso interese pola hixiene persoal, por exemplo.
23. Que é o que máis detestas? Detesto as preguntas que inclúen verbos como “detestar”!
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Hai tantas! Pero, fóra das obvias (ditadores, euxenistas, asasinos en serie, criminais varios), póñenme mal corpo gobernantes coma Margaret Thatcher. Aborrezo o que representa politicamente.
25. Un feito histórico que admires? Os pequenos xestos de revolta que naceron da conciencia da propia dignidade. Porque a heroicidade que se debuxa nos libros de Historia foi a miúdo algo máis común, nada épico, unha manifestación de coraxe persoal ou grupal que logo chegou –ou non- a levedar e producir cambios a maior escala.
26. Que virtude desexarías posuír? Isto faime pensar na xente de antes, que empregaba un circunloquio para disimular a fealdade dun bebé cando llelo presentaban. Dicían: “ten as perfeccións todas”, entendendo que non lle vían defecto físico ou discapacidade algunha. O cal, para a vida, era tanto ou máis importante que a beleza. Como non me toca a min determinar que virtudes posúo e de cales carezo, quedo con que eu tamén teño as perfeccións todas.
27. Como che gustaría morrer? Deixando á parte que son demasiado (!) nova para iso e que a idea non me resulta agradable, pediría unha morte previsible e tranquila. Irme apagando no meu leito mentres unha persoa querida sostén a miña man nas súas e murmura algo sen saber que esa foi a derradeira frase que escoitei en vida.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Unha especie de melancolía que procuro manter a raia, herdanza dunha bisavoa que tiña unha pata de pau mais non era pirata.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Dubido que ninguén precise da miña indulxencia, que papal soa iso! Pero entendo que se cualifico algo de “defecto” é porque ese xesto, esa conduta me son penosos en alguén e me custa obvialos. Claro que hai defectos de defectos…
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Non exactamente, cousa rara tendo en conta que tiro de refráns e de ditos populares cada dous por tres nas conversas. Fáltame dar co definitivo! De todas formas, diría que sempre teño moi presente aquilo de que “un recolle o que sementa”.