«Identidade» de Nee Barros Fernández

“Bebés que polo seu sexo son abandonados, ou mutilados. Porque o médico lles dixo aos pais “é unha nena”. Claro que o que acaba de chegar non é consciente, non pode abrir a boca e ten que tragar todo para adaptarse ao mundo. Porque se din que é nena poderá pasar de todo e se din que é neno poderán pasar bastantes cousas. Ela namorará del. El namorará dela. Uns xenitais marcarán como toda a xente os ve, unha letra ao final da palabra significará máis ca toda a palabra en si. A sociedade actuará en función desa letra. Todo o que ten pene será un “o”, e todo o que ten vaxina un “a”. Dis o contrario? Tes medo? Ameazas. Golpes. Insultos. Berros… Opresión”.

Atopamos este texto en Identidade, un libro escrito en forma de teatro por Nee Barros Fernández (que nas redes se coñece como @neeumatiko) que trata os complexos temas da liberdade, a necesidade de ser e, como ben di o propio título, a identidade. Baixo a forma do teatro, este texto breve aborda a transexualidade e faino dunha forma moi persoal e cunha linguaxe que chega ás novas xeracións. É, polo tanto, unha proposta pioneira, pois na literatura galega existen poucos textos que traten con certa valentía esta temática, e que o fagan de forma acertada (poderiamos destacar Fóra do normal, de María Reimóndez e 22 segundos, de Eva Mejuto), aínda que xermolan máis proxectos ultimamente.

Identidade defínese coma un libro de forte compoñente política, supón un posicionamento claro ante o mundo, e reclama unha loita para que as persoas sexan sempre escoitadas e tratadas dende a súa diversidade. Máis alá do traballo ensaístico e de formación académica, creo que faltaba unha obra así, que lles falase ás novas xeracións directamente, que as incitase a actuar, a non ter medo a defender as causas xustas.

A través de Zé tomaremos conciencia do camiño que segue unha persoa que busca a súa propia identidade, dos apoios que atopa e tamén das eivas, dos atrancos dunha sociedade que segue actuando, na súa ampla maioría, dende os patróns do patriarcado e da transfobia e que, lonxe de aceptar, practica a estratexia do medo ao diferente. Pero que é a diferenza? Todas as persoas somos nós en esencia e o gran reto que temos por diante é que a sociedade nos acolla nesa diversidade, e este libro é un acicate para a mocidade pero tamén para o público máis adulto que busca reconstruírse.

Alén deste libro, Nee Barros dirixe unha canle en YouTube, escribe poesía, canta e fai música, e tamén se confesa con paixón pola fotografía. É encomiable o labor de visibilización que fai da realidade das persoas trans e dos abusos que estas padecen por parte dun sistema que aplica o odio por defecto; e tamén se converteu nun referente para as novas xeracións en canto á súa defensa do binormativismo. Recentemente vén de acadar o 1º premio na categoría de contido audiovisual nos Premios da Xuventude da Deputación de Pontevedra, así que lle desexo un gran futuro e traxectoria.

Ficha técnica

Título: Identidade

Autoría: Nee Barros Fernández

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 86

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

2 comentarios sobre “«Identidade» de Nee Barros Fernández

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.