Quizais é que ninguén podería falar mellor sobre e do mar ca unha persoa nada na fin do mundo. Antón Recamán (Cee, 1985), é profesor e vén de publicar o seu poemario As mans atlánticas da ausencia (Urutau, 2020) que nace dun silencio longo, de palabras quedas e dunha vida en constante comuñón coas mareas, tal e como se presenta da man da editora. Os trinta poemas que compoñen o libro transitan por un ollar contido do tempo no marco inmenso das ondas que son protagonistas do crecemento vital e persoal. “Entendemos o temporal cando volvemos ao vento / no acimbre lustroso do cranio” dise nun momento do libro, no que o poeta busca comprender o que acontece no seu interior a través da natureza. Tal e como expresa Paulo Calvo no limiar, estamos diante de “páxinas que recenden a salitre; a argazo; a humidade; a treboada; a escuma; a bravura… Ó Atlántico. Versos profundos, fríos e escuros como o noso mar”.
Eu, que son do interior, tiven nos últimos anos o pracer de habitar nunha vila con mar e de comprender un pouco mellor o que supón este conxunto inmenso de auga para a súa cultura e a súa forma de ser. O mar dáche moito pero tamén cho quita, un deses ditos que ben poderían pertencer ao refraneiro popular. Desa contraposición de ideas nacen moitas reflexións poéticas, que teñen o mar como un elemento que se reivindica e, ao mesmo tempo, lle temos certo medo pola súa inmensidade.
Diante do mar, as persoas sentímonos pequeniñas, e non somos quen de explicar que nos acontece cando observamos o movemento das ondas bravas. Algo similar aos sentimentos, un mundo co que este libro establece íntimas conexións, porque o que non se comprende sempre dá lugar a reflexións.
“Entendemos o temporal cando volvemos ao vento
no acimbre lustroso do cranio”.
Eu teimo en comprender este mundo, as emocións salvaxes e bravas coma esas ondas ás que adica Recamán este poemario tan persoal.
“A contorna do corpo é porta.
Amar
é render as mans á pechadura”.
“Contei formigas para esquecer ausencias”.
Ficha técnica

Título: As mans atlánticas da ausencia
Autor: Antón Recamán
Editorial: Urutau
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 73