Este espazo tamén vai moitas veces de confesións. E eu confeso que sinto unha curiosidade case enfermiza por saber que le a xente do meu arredor, un sentimento que se incrementa cando falamos de escritoras ou escritores que admiro. É coma se nesa escolla de lecturas se agochase a apócema secreta das súas creacións. Aínda que tamén pode ter moito que ver con este desexo de ir máis alá do que se ve a simple vista. Ou deformación profesional. Ou simplemente, que saber as lecturas que conforman as persoas me axude a coñecelas un pouquiño mellor. Algo así como “dime o que les e direiche quen es”.
Despois de recoñecer iso, que xa é un segredo a voces, teño que realizar unha segunda confesión. Sigo a Emma Pedreira polo Facebook sobre todo porque adoro as súas fotos de libros no coche ou nas ventás e os comentarios que rodean esas postais. Cando as vía sempre pensaba para min que oxalá algún día escribise un libro sobre eses libros que a formaban como persoa e como escritora.
O desexo cumpriuse e hai pouco Cuarto de Inverno publicou Os libros que hai en min, unha obra na que Emma Pedreira nos conta a rúa relación de amor – odio cos libros, e nos fai partícipes de moitas anécdotas que rodean os seus anos como lectora, nos que eu me recoñezo seguido.
“A lectura e sobre todo os libros teñen que ver con impactos brutais dentro da miña vida. Perdas, mudanzas, doenzas … se cadra podería ata dicir que os libros son un kit anticatástrofe, algo que ten que ver vin toda a leria esa que che soltan nos avións mentres engala: a máscara do aire, o chaleco salvavidas, as portas de emerxencia. Os libros foron -e son- todo iso en momentos urxentes e desesperados”.
Para as persoas que amamos a lectura como a propia vida, descubrir este libro é case como abrir o baúl dos tesouros, pois convídanos a realizar un exercicio de reflexión persoal e a ver como é que somos lectoras case sen que nos decatásemos. Por exemplo, emocionoume moito cando Emma nos conta que o primeiro libro que lle marcou foi o de Coleta escrito pola gran Gloria Fuertes, que a tantas xeracións de nenas marcou cos seus contos e poemas.
“Comporteime como Coleta tantas veces, desafiante no meu desastre, empoderada na miña ridiculez, triste cando tocaba e feliz cando tamén. Por fin. O meu primeiro libro que ficaría para sempre. Púxenlle o nome e apelidos na primeira páxina e atesoureino naquel andel derriba da liteira. Tocábao todos os días antes de durmir e encantábame mirar nos debuxos os pequeniños pés de Coleta e a súa perrera impeiteable, como a miña”.
A reflexión arredor da lectura está, pois, moi impregnada de detalles do día a día, de retranca, de risa, e contada cun estilo moi fresco que tamén lle quita, ás veces, importancia ao mesmo acto de ler. Acompaña, ademais, unha capa que contén unha ilustración de Lorena Conde que expresa a tranquilidade e o sosego dunha cunca de té que se combina á perfección cun bo libro. Para min, polo menos, non existe plan mellor.
Ficha técnica

Título: Os libros que hai en min
Autora: Emma Pedreira
Editorial: Cuarto de Inverno
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 155