A chegada imprevista da Covid-19 e o confinamento que veu despois impuxo un novo paradigma social, e todas as persoas e as diversas profesións tiveron que reinventarse e ofrecer outras formas de enfrontarse ao mundo. Nese camiño de incertezas producíronse acertos e erros, pero moitas coinciden en que esta situación debería de servirnos para avanzar como sociedade e analizar criticamente que tipo de persoas queremos ser. Coa máxima de ofrecer un pensamento crítico a respecto disto naceu Setenta ideas para a (pos) pandemia, un libro publicado por Catro Ventos Editora que, segundo destaca Fernando Ramallo no limiar, “é o resultado dunha interpelación a sete persoas galegas ás que se lles pediu que elaborasen un decálogo arredor da súa consideración sobre o mundo no que entramos ou, en todo caso, a que fase do sistema-mundo actual nos diriximos”. O libro recolle sete decálogos, cada un cun título propio, no que se ofrecen perspectivas e ideas sobre temas como a cultura, as redes sociais, o medio ambiente, o individualismo etc. O obxectivo non é outro que “contribuír a manter non só unha permanente reflexión sobre este momento histórico e, nomeadamente, sobre o presente e o futuro máis inmediato para todas e todos nós, senón tamén abrir as condicións para unha nova praxe que axude a superar as desigualdades e a promover a urxente emancipación”. Os artigos que atoparemos neste libro de menos de cen páxinas son da autoría de Manuel Fernández Blanco, Pilar García Negro, María Xesús Nogueira, Manuel Outeiriño, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro Ojeda e Iolanda Teixeiro Rei.
Non estamos diante dunha publicación conformista, senón que é todo o contrario. Ler a estes estudosos e estudosas supón un exercicio de valentía, sobre todo porque nos fan cuestionar realidades que o sistema teima en ocultarnos co fin de seguir coa manipulación sistemática. Así, por exemplo, Iolanda Teixeiro apunta no seu texto, titulado “Decrecemento ou barbarie”, que aínda están por estudar as consecuencias políticas e psicosociais de inoculación de medo e pánico nunha poboación confinada sometida a un estado de excepción encuberto “no que a guerra de clases se solapa a unha dixitalización forzosa das nosas vidas baixo a coartada da seguridade sanitaria (banca móbil, pago electrónico, teletraballo, compras online, comunicación dixital….). Como oposición a ese modelo de globalización e de capitalismo monstruoso, ela propón, entre outros, “unha política de potenciación de industrias agroecolóxicas, gandaría e recuperación de usos comunais do monte e cultivo ecolóxico das rías”. Pola súa banda, a doutora en Filoloxía Galega María Xesús Nogueira é autora do texto titulado “Escribir desde o despois. Dez apuntamentos arredor da (pos) pandemia”, no que pon o ollo na sobredimensión da cultura a súa gratuidade. Ela apunta que “a gratuidade dun sector cultural en crise foi o pórtico doutra crise de dimensións descoñecidas que as axudas procedentes das arcas públicas, polo de agora exiguas, non serán quen de paliar” e reivindica que “algún día, teriamos que pagar a débeda contraída coa cultura nos tempos do coronavirus. A débeda deberá saldarse, no entanto, co consumo e o apoio de proxectos, en lugar de con palabras máxicas que os descodifiquen e os acheguen de balde á casa”.
Como xa se ten avanzado, a pandemia puxo en evidencia problemas e cuestións que xa viñan de antes e que se agravaron por mor desta crise. Tal foi o caso do desmantelamento do sistema sanitario, a destrución do medio ambiente ou a manipulación mediática da cidadanía por parte dos diversos poderes. Iso é nomeado por Fernando Ramallo como “minoría de idade”, e precisamente o que a pospandemia debe propoñer é unha superación global desta minoría, para que o suxeito deixe de estar alienado e se avance na súa emancipación. Iso tería que supoñer unha reconstrución realista dende o punto de vista social, político e científico, e no fomento do pensamento autónomo, crítico, emancipador e revolucionario.
Ficha técnica

Título: Setenta ideas para a (pos) pandemia
VVAA
Editorial: Catro Ventos
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 76