A poesía tamén aproveitou a Covid-19 para espallar os seus versos. Precisamente Lupe Gómez, unha das poetas actuais máis renovadoras, resultou gañadora do Premio “Miguel González Garcés” de Poesía 2020 da Deputación Provincial da Coruña coa obra Sílabas da peste, un conxunto de poemas, cartas e microrrelatos nos que a pandemia e o fechamento domiciliario son protagonistas. Non se nomea a Covid, mais algúns poemas resultan evidentes, como cando di “ningunha epidemia poderá roubar o cariño das estrelas pousadas no lombo cego da cinza”, ou “a vida é o suspiro dun gume aceso”, nos que se alude á fugacidade da vida e á necesidade que temos de manter prendida a esperanza.
Lupe Gómez publicou tamén a finais do 2020 Caracois de Belvís, unha obra que mereceu o Premio Selic 2019 e que se engarza coa de Sílabas da peste, sobre todo porque ambas conseguen falar do rural dende a reivindicación, e das persoas humildes dende a grandiosidade. E é que esta autora, nacida na aldea de Fisteus no 1972, é un dos principais expoñentes poéticos na Galiza, colleitando grandes éxitos dende que en 1995 vira a luz o seu poemario Pornografía e, máis recentemente, con Camuflaxe.
En Sílabas da peste volvemos atopar moitas das obsesións da autora, como a lembranza aos pequenos detalles dende unha escrita revolucionaria e na que temos a sensación de que nos pinchan continuamente cun alfinete. Lupe Gómez é así, un atentado contra os sentidos, contra o politicamente correcto e unha loitadora polas voces das persoas que semella que ninguén ve. Aquí todo isto está moi presente, pero tamén se engade unha sensibilidade especial polo momento no que todo se freou, tamén para a poeta e a súa escrita. Os medos e a tristura alicerzan algunhas das cartas que ela dirixe a amizades como Anxos Sumai ou Manuel Rivas, nas que explora os límites entre o terreo do persoal e do universal, evocando o mundo que habitou e o que é o presente atravesado por unha pandemia mundial.
A poesía é, unha vez máis, o bálsamo, a oportunidade de observar lenta e sosegadamente o que nos acontece e deixar constancia para as xeracións que virán e se pregunten como vivimos esta crise e as consecuencias que tivo nas nosas vidas. Tamén as poetas son cronistas da realidade.
Ficha técnica

Título: Sílabas da peste
Autora: Lupe Gómez
Editorial: Deputación Provincial da Coruña
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 102