Como é o proceso de creación? Que supón chegar á palabra exacta? Que se sente ao ser quen de expresar unha idea, un sentimento, cunha historia? Estas preguntas agóchanse detrás de As palabras están a mirarse arredor da mesa, un libro de reflexión literaria de Antonio García Teijeiro acompañado coas ilustracións de Lidia Cao, que nos trae a editorial Cuarto de Inverno para facernos sentir un gran deleite.
Partindo da paixón lectora e pola escrita, García Teijeiro, considerado un dos nosos maiores expoñentes da literatura infantil e xuvenil e Premio Nacional de LIX no 2017, explora os camiños da creación, dese continuo desexo de poñer por escrito o que acontece, o que o mundo ofrece. Di nun dos versos “ten memoria o pobo / porque hai poetas que tatúan con versos / as realidades”, e eu non podo estar máis de acordo, sobre todo porque é grazas a persoas coma el, gardiás da memoria, que os pobos constrúen as súas historias, e que as persoas lembramos de onde vimos e cara onde queremos camiñar.
Coa música e coas ilustracións como fíos condutores, este libro transita polos terreos da emoción para facernos sentir, para evocar en nós aquilo que non está e que unha vez estivo ou estará, como acontece co amor ou a paixón, a física e a das palabras. E lévanos ao límite, a un non tempo no que teimamos con construír a beleza cando o mundo se parece a un infortunio.
García Teijeiro busca, indaga a palabra exacta, e este libro é un exercicio de contención, co que nos convida a que nós asexemos no noso interior e reivindiquemos o noso dereito a ser. Por iso o considero un alegato da propia identidade, da diversidade dos pobos e de cada un de nós como persoas dun mundo grande e á vez pequeniño.
“Os teus ollos vivos
foron levándome
preto das palabras
que me chaman.
Collinas
e naceron estes versos”.
Considero que estamos diante dun libro metaliterario, no que o autor reflexiona sobre a súa propia escrita e o que simboliza no mundo, e que se semella un pouco a Os libros que hai en min, de Emma Pedreira, e outra das propostas que nos trouxo hai pouco tamén esta editorial tan fermosa e con tan bo facer literario.
Ficha técnica

Título: As palabras están a mirarse arredor da mesa
Autor: Antonio García Teijeiro
Ilustracións: Lidia Cao
Editorial: Cuarto de Inverno
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 115