O mundo que habitamos é realmente unha fonte continua de inspiración, e hai persoas que o collen para expresar sentimentos de múltiples formas. A poeta Yolanda Castaño e o artista Xosé Tomás volven confluír nun proxecto que toma o mundo na súa diversidade para contalo en poesía e ilustracións, unha idea sinxela mais que non por iso perde o sen encanto.
Paleta Planeta é un libro de sensacións grazas ao cal tanto as persoas adultas como as máis cativas tomaremos conciencia do mundo que habitamos e do necesario que é botar o freo e observar os detalles diarios, o fluír da propia natureza, dos montes habitados por seres grandiosos, e dos mares ateigados dunha auga que medra. A través da evocación de sentimentos tanxibles e intanxibles, Yolanda Castaño e Xosé Tomás convídannos a realizar un exercicio de toma de conciencia, expresado cando nos contan o que nos ofrece a natureza maxicamente e que nós, os seres humanos, destruímos coas nosas accións máis negativas. Isto está presente xa no primeiro texto:
“Un glaciar de calma está aboiando por entre as augas
e o ceo algo de nostalxia talvez quere amosar;
eu penso nos teus ollos que tanto boto de menos
mentres apoio a cabeza na man fronte á venta.
Primavera saudosa na paisaxe antártica,
casa azul dos meus recordos xunta o mar varada;
só revela un anaco do que podo sentir
o xeo que despunta a súa crista azulada”.
Pode dicirse, entón, que o libro contén dous niveis de lectura: dunha banda, esa parte máis sensorial que nos leva directamente aos sentimentos como a tenrura, a perda ou o amor; e doutra, ese lado comprometido co medio ambiente e co lugar que habitamos, un camiño que os autores xa percorreron con Sementes viaxeiras, outro libro publicado tamén en Baía Edicións e no que tamén se observan os dous niveis e esta combinación máxica entre poesía e ilustracións. Atrévome a dicir que son estes os libros que necesitamos para a cativada, que nos fagan sentir e ao mesmo tempo nos fagan pensar, pero afastados de olladas moralizantes.
Ficha técnica

Título: Paleta Planeta
Texto: Yolanda Castaño
Ilustracións: Xosé Tomás
Editorial: Baía Edicións
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 36