Capturar as historias de taberna, esas anécdotas que se contan entre cuncas de viño e petiscos para amenizar as noites de sosego e os xantares revolucionarios. De aí xermola o libro Algúns contos completos, que publica a editorial Galaxia e que recolle contos da autoría de Domingo Villar aos que acompañan uns preciosos linogravados de Carlos Baonza.
Atopamos aquí a esencia deses ‘contos de toda a vida’, esas historias que ben seguro que moitos de nós lembramos na boca dos nosos avós, e dos que case sempre se entresacaba unha lección vital. E é que, no meu caso, ao pé da lareira deixábame engaiolar por esas aventuras que o avó Chico lembraba para min e que recollían a sabedoría popular dun pobo, o que el fora aprendendo no camiño, tendo en conta os acertos e os erros dos demais. Sempre me vén á cabeza aquela historia dun raparigo que un día de tanto dar voltas coa corda da vaca acabou por aforcarse. Ou aqueloutra dun home que traballaba polas mañás e dedicaba as tardes a pedir esmola. Son só algunhas anécdotas debaixo das que se agochaba unha aprendizaxe ou unha forma de comprender o mundo, e niso atopo parecidos con estes contos que recolle Domingo Villar, que son herdeiros do pasado e que o capturan para non deixalo desaparecer.
Confesa Domingo Villar que é un gran escritor de contos dende sempre, contos que concibe para compartir coas amizades e que de cando en vez publica nalgúns medios de comunicación. Esa paixón pertencente ao ámbito máis privado converteuse paseniñamente nun libro a raíz da pandemia, pois “sen risas nin música, era preciso evocar aqueles instantes alegres e deixar voar as historias íntimas”. Entón, de súpeto, o autor comparte con nós estas historias que nos fan rir, que homenaxean a esas persoas do cotián, e tamén as formas de contar dos nosos avós, das nosas avoas, que conservaron ata a morte esas anceios de voar coa imaxinación.
Penso que este libro cumpre co obxectivo de contribuír a non esquecer de onde vimos e a amarrar a maxia de pequenas grandes persoas. Máis alá diso, o libro non destaca pola orixinalidade no estilo, pois o autor semella un cronista, e apenas forza o estilo para xerar unha literatura novidosa. Así e todo, e como xa comentei, creo que o libro se publica no momento adecuado, xusto cando precisamos historias que nos evadan e nos quiten un sorriso.
Ficha técnica

Título: Algúns contos completos
Autor: Domingo Villar
Linogravados de Carlos Baonza
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 109