“Illa Decepción” de Berta Dávila

Quizais por un exceso de fabulación, teño unha obsesión que me persegue dende que era nena: indagar nas casas alleas, ou tentar adiviñar a forma de vida das persoas que habitan certos espazos. Moitas veces, cando paso co coche por un lugar abandonado, e vexo unha xaboneira ou calquera outro obxecto diante do patio dunha vivenda coa porta rota e coas ventás agrisalladas, boto a andar a imaxinación, e debátome en torno ao momento no que esa casa deixou de estar habitada para ficar no esquecemento, ata que novamente alguén opte por habitala ou, simplemente, non aconteza nada.

Veume todo isto á cabeza cando lin Illa Decepción, a nova novela coa que Berta Dávila gañou o Premio Narrativa Breve Repsol 2020, que está ateigada de nostalxia e desa busca incesante dos espazos e das persoas que os habitan. Porque, ¿que queda de nós nas casas onde habitamos noutro tempo? ¿Que nos transmiten as vivendas que se converten despois en fogares nosos, mais que antes os foron doutras persoas? ¿podemos recuperar as sensacións dun tempo e dun espazo? Illa Decepción tenta un pouco responder a iso, aínda que no fondo propón moitísimas preguntas, as mesmas que me fago eu a diario. Dende logo, ler Illa Decepción supuxo todo un exercicio de reencontro, coma se a protagonista fose eu mesma, de cativa e agora mesmo. A literatura consegue sempre estes xogos de espello, nos que logramos vernos reflectidas, e máis cando se fala da nenez e dos espazos que nos constrúen, esas infancias con veráns nas casas dos avós cos que seguro todas e todos nos identificamos en maior ou menor medida.

Berta Dávila constrúe unha novela que son dúas, pero que se relacionan na súa busca das paisaxes emocionais, dos lugares que nos habitan, das persoas que atopamos nos camiños da vida… E iso xúntase coa reflexión arredor de estar recluída na casa, unha sensación que se entende ben despois de superar o confinamento establecido o pasado ano pola Covid-19, e cuxa sombra atravesa a novela:

“Teño ganas de dicir cousas, pero iso non é o mesmo que falar con alguén. Dicir cousas nunca é o mesmo que falar con alguén. Diría que estou comezando a sentirme a gusto con algunha parte desta realidade e que aprecio a protección que concede: aquí recluída na miña casa, que é bonita e luminosa, nada pode danarme. A miña fortaleza ficará intacta mentres eu permaneza tamén aquí. Outra parte de min está cansa da incerteza e é consciente de que, se perdura, non sairei indemne”.

Creo que Illa Decepción é unha construción literaria fermosísima e triste á vez sobre a ficción e o que esta pode expresar cando a realidade non nos chega, e por iso a min me alucinaron tanto as reflexións arredor do paso do tempo, do poder da letra escrita, dos espazos…

“O peso dos recordos nas casas é o que nos fai chorar. Os recordos pesan e deberían estar gardados nas caixas de abaixo, xunto aos libros e aos dicionarios de francés”.

“Se non podemos máis tocamos unha árbore e dicimos ‘casa’, para estar a salvo. Dicir casa, como dicir mamá, ten aínda un significado confortador naquela altura”.

Ficha técnica

Título: Illa Decepción

Autora: Berta Dávila

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 141

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.