“Un señor elegante” de Suso de Toro

Hai vidas que ben merecen inspirar un libro, vidas enormes que superan calquera ficción. Vidas como a de Ramón Baltar, un home pertencente a una familia de médicos que se relacionaron intimamente con persoeiros do mundo da cultura, como Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Castelao e Dieste. Casualmente, con esa historia topou Suso de Toro, e tanto se obsesionou con ela que decidiu recrear parte da vida deste Baltar. O resultado é Un señor elegante, unha novela que serve de escusa para debater arredor do que foron os anos máis escuros da nosa historia, e ata que punto as persoas relacionadas co mundo cultural foron sometidas a moitas presións e a aldraxes. Aínda que aquí o protagonista é Ramón Baltar, Suso de Toro, posuidor dunha ampla bagaxe literaria e vital, aproveita a ocasión para reflexionar sobre a propia vida e a creación, e ata que punto unha se ve influída pola outra.

Un señor elegante pode lerse a modo de homenaxe póstuma a unha figura moi importante da nosa cultura da que pouco se escoitou falar, quizais porque aquí adoitamos ter ese mal costume de esquecer, de non ser quen de lembrar as figuras cun aquel de controversia. Mais quen foi Ramón Baltar? Segundo conta Suso de Toro nesta novela inmensa, a historia deste home comprometido coa profesión e coa Galiza foi chamando por el de forma insistente, de xeito que non puido máis que escribila, tirando do novelo da memoria propia e allea, e construíndo sensacións a base dos recordos da familia e amizades, polo que resulta un exercicio do máis interesante, no que conflúen a creación coa recreación:

“Tanto chamaba que, logo de dous días nos que andou a remoer dentro miña, acabei por dicir en voz alta mentres baixaba as escaleiras da casa: ‘Teño que escribir esta historia’. Así que, como eses Baltares, tamén eu sentín que tiña un deber, o deber de contar iso. Faltaban persoas, faltaban voces, faltaba a memoria, pasaron os anos e todo se gasta; así e todo, intenteino facendo investigación”.

A confesión de Suso de Toro é moi emocionante, e tras esas palabras, embarcámonos neste libro que mestura xornalismo, historia e mesmo novela policiaca, de xeito que o devoramos sen poder parar. E é que a figura de Ramón Baltar, tan poliédrica e con tantos matices fai que esteamos diante dunha historia á altura da dos mellores heroes da ficción. E por exemplo a min, que sigo formándome humildemente na historia da Galiza, impactoume moito coñecer a Ramón Baltar e a toda a familia anterior, e saber das súas ligazóns con Castelao e coa cultura da época. Así mesmo, de Toro tamén se recrea no importante papel que xogou esta familia no campo da medicina, sobre todo pola súa vinculación ao Hospital Real de Santiago de Compostela, e ao seu amor cara a unha profesión caracterizada por salvar vidas no sentido máis estrito, e que os levou a querer salvar vidas dende o ámbito máis sensorial e cultural.

A historia é, pois, moi necesaria nos tempos que vivimos xa que constitúe un testemuño importante dunha época que non debemos esquecer. A iso deberiamos engadir o seu valor literario, abalado sobre todo por esa capacidade do autor para confesar as inquedanzas propias e ligalas co pensamento de Baltar, ateigado de múltiples arestas e contradicións, expresadas por ese narrador que nos interpela directamente e que, ao mesmo tempo, conversa con ese Ramón Baltar que, despois de tanto tempo de investigación, xa é case coma un amigo. O exercicio da auto ficción está moi presente aquí, sen esquecer a deconstrución que o autor fai da historia dos Baltar dende o feminismo, apelando ás inxustizas sociais da época que levaron ás mulleres a non destacar, a pesar de ser tan importantes coma eses homes que acompañaron de forma servizal sempre.

“A ninguén lle importa xa saber de ti, todo o mundo olla cara a diante e así debe de ser, ademais nunca fuches unha figura pública como tantos amigos e coñecidos teus.

E entón que fago eu aquí agora? Por que me importa a min saber de ti, da túa vida ou o día en que morriches? É natural que os teus fillos queiran saber cousas dos seus avós ou dos seus pais, mais que fago eu a reconstruír con pedazos a túa figura, como un monstro de Frankenstein? Que traballo é este? Porque estou a facer este traballo? Porque es un ‘atorrante’? Pode ser, pode que me estea a sentir atraído por esa figura que marca a diferenza, que non se adapta, polo disidente que molesta. Sexa como for, non teño dúbida agora de que  fixen moi miña esta historia túa”.

Ficha técnica

Título: Un señor elegante

Autor: Suso de Toro

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas:  541

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .