Por momentos lembro a miña infancia e os momentos coa miña avoa, unha muller sabia, coma todas as desa época, que me falaba sempre da vida cunha sabedoría popular que boto moito en falta. A súa era unha intelixencia dada pola terra e pola supervivencia ante as aldraxes padecidas. Chamábase Inés e vivía en Valeixe, unha pequena parroquia do Concello da Cañiza, no medio dun rural que cada vez máis se teima en baleirar por parte das administracións. Vénme isto á cabeza e todos os recordos de cando era pequena mentres leo María das Herbas e as Herbaxeiras do Caurel, un libro enorme escrito pola farmacéutica María Moure de Oteyza, e na que recompila a sabedoría popular desa zona cunha idiosincrasia tan propia.
No prólogo a este libro, a autora define a obra coma un ensaio novelado, pois nel recompila lendas, refráns, ritos ancestrais, e os usos medicinais das plantas da zona. Como ela mesma confesa, “fálanme as persoas do Caurel, acompáñoas, río con elas, conto o que vexo, observo, reflexiono… E finalmente síntome engaiolada por un territorio, unha sociedade, unhas xentes que os habitantes da cidade pensabamos que desapareceran hai moito tempo”. Nestas verbas xa se advirte a humildade coa que Moure de Oteyza abordou este estudo, que naceu coma unha tese para converterse despois na crónica dunha cultura popular a piques de desaparecer. A cabalo entre a etnobotánica, o ámbito máis científico, e o enfoque humanista, o traballo que levou a cabo a autora é titánico e seméllase un pouco a aquel que levara a cabo a comezos do século XX a fotógrafa Ruth Matilda Anderson, que recalou na Galiza para deixar constancia daqueles oficios e costumes que desaparecían.
María das Herbas constitúe o primeiro libro dun conxunto de tres no que o Caurel e as súas xentes son protagonistas. Precisamente a min o que máis me gustou é esa capacidade da autora para recoller a fala do lugar coas súas peculiaridades e tamén que lle outorgue aos seus informantes o lugar que merecen, deixándoos falar pola súa propia boca, algo que necesitamos máis ca nunca, como ben reivindica a veterinaria María Sánchez. E é que no libro aparecen moitas mulleres e homes que nos falan, que nos contan anécdotas e mesmo chistes, e dos que a autora nos comparte fotos e retratos tomados por ela. Mentres lía paseniñamente este libro, infinito no que contén, reafirmei a miña crenza de que necesitamos tomar como referencia o noso pasado e aprender das persoas que o habitaron e que posúen unha sabedoría que vén de anos e anos sobrevivindo.
O libro constitúe, pois, o testemuño dun tempo, a perpetuidade duns coñecementos, a crónica de moitas vidas ocultadas durante tanto tempo. Vaia por diante, pois, o meu agradecemento á autora por ser quen de ofrecer a voz ás persoas do Caurel sen usurparlla.
Aínda que o libro é unha xoia, si que ten certos erros gramaticais e ortográficos que, de terse revisado máis a edición, se poderían solventar perfectamente e ofrecer un produto máis coidado ao lectorado.
Aclaración por parte da autora: despois de publicar esta recensión, a autora púxose en contacto comigo para solicitarme que introducise unha aclaración a respecto da lingua empregada no libro, e velaquí esta:
«Coñezo as diferentes correntes do galego porque as estudei na escola e mais no instituto. Coñezo o galego “dos Mínimos Reintegracionistas”, o lusista e o normativo. Mais, como dixen na entrevista, reivindico o galego da Aldea con maiúscula. Non aturo o galego normativo, non o sinto como galego nen os do rural se sinten identificados con él. “Uniformar” unha língua é privala da súa espontaneidade e de parte das súas raíces. Digo O Caurel e non O Courel porque é así como din os habitantes desa bisbarra. No galego normativo hai palabras que son “castrapo”, como decíamos en Carballo: tenreira e non becerro, cuxo ou xato; crecer por medrar, solo por chan, estar acostumado a e non estar afeito a…Fermosas palabras e expresións cas que queren acabar e relegar ó faiado do esquecemento. Ou algo que considero unha verdadeira aberración: ¿Cómo din na aldea? “Iso é pro can”, por exemplo. ¿Cómo di o galego normativo? “Iso é para o can”. ¿Dende cando din “para” os que conservaron o galego xenuíno? Eles din pra e pro, por simple economía da linguaxe, por iso eu tamén o digo. E non me peta decir avó senón abó. Según iso, en vez de libro tería que decirse livro, que é como se di en portugués. Non teño dúbida ningunha de que, de ter a obriga de escribir o meu libro no galego normativo, houbese preferido escribilo en castelán, que é a miña língua materna e teño moita familia de fora de Galicia. ¿Considérase acaso chea de erros ortográficos a poesía pre-normativa? Tantos escritores e poetas que escribían no galego xenuíno da súa bisbarra, ¡qué gran riqueza!»
Ficha técnica

Título: María das Herbas e as Herbaxeiras do Caurel. Crónica da Cultura Popular dunha Terra Extraordinaria
Autora: María Moure de Oteyza
Editorial: Teófilo Edicións
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 316