Vou ser politicamente incorrecta: cando descubro un libro de poesía que consiga chegar a min, a única palabra que me vén á cabeza á hora de expresalo é ‘FODER’. Aínda que moitas poidades pensar que se trata dun vocablo malsoante, o certo é que se algo nos gusta moito, nos interpela forte no corazón, nos fai sentir e evocar o innomeable, o único que se me vén á boca é iso, quizais porque expresa unha explosión de sentimentos, unha voráxine de contradiccións.
Hai xa uns meses que lin A mulher submersa, un poemario de Mar Becker do que non ousei falar até o de agora, e que tiven na mesiña dos libros pendentes durante moito tempo, quizais por medo a non ser quen de explicar que contiña ou a non saber falar del nos mesmos termos nos que chegou a min. Aínda que isto é algo moi común en min, neste caso foi unha sensación moito máis estraña, máis esaxerada, e cuxa lectura me deixou a flor de pel. ¿Os porqués? Esa linguaxe cotiá que me foi levando polos sentimentos, polo amor e pola querenza cara aos meus ancestros. Porque se algo consegue Becker é guiarnos cara territorios comúns pero dende unha ollada novidosa: a dunha muller nova na que aflora a vida e, con todo, sente palpitar as vivencias das que a precederon, como a súa nai e avoa.
Pode resumirse un poemario? Podemos falar dos versos que nos gustaron dende a obxectividade? Eu non o consigo. Tan só son quen de ler poesía dende o meu lado máis íntimo, e nos últimos meses, tan complexos para min, consigo salvagardarme nos versos e nos que estes me evocan. E, ante iso, creo que entendo esa idea, non por recorrente menos certeira, de que a poesía é un xénero ao que chegamos nos momentos máis duros das nosas vidas, naqueles de destrución e nos de catarse. Eu creo firmemente niso, e comparto con vós o que simbolizou A mulher submersa para min: fogar, casa, comprensión, empatía, amor e destrución, a reconstrución dunha mesma e a sensación de soidade.
“uma mulher se aprende a amar bem cedo da manha
vendo seu corpo revelar – se à claridade
do começo da manha
essa hora breve. Esse instante em que ainda ninguém levanta a
voz na cidade
e toda palavra dita soa como oraçao”.
Adorei moitísimo este libro que soa por si mesmo, e co portugués como lingua vehicular. Foi unha experiencia enorme ler un poemario integramente nesta lingua e comprendelo na súa magnitude. E gustáronme moito as fotos que acompañan a obra, da autoría de Vladimir Vaz, e nas que observamos a mulleres de mans rexias, fortes, referentes do que todas quereriamos ser.
Ficha técnica

Título: A mulher submersa
Autora: Mar Becker
Editorial: Urutau
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 130