Entrevista María Moure de Oteyza: “Quixen sentar un precedente na Etnobotánica, de aí que os protagonistas do meu libro sexan os habitantes do Caurel e as súas historias”

A farmacéutica e investigadora María Moure de Oteyza no Caurel

Dise que as mellores historias nacen da paixón. Ese sentimento, e tamén as ansias de aprender, foi o que moveu a María Moure de Oteyza a trasladarse durante dous anos ao Caurel para investigar as propiedades das plantas deste lugar e a sabedoría popular das súas xentes. Farmacéutica, investigadora e divulgadora, Moure de Oteyza vén de publicar María das Herbas e as herbaxeiras do Caurel (Crónica da Cultura Popular dunha Terra Extraordinaria), o primeiro libro dunha triloxía sobre o Caurel que saíu á luz coacolaboración da Deputación de Lugo, a Caixa Rural Galega, o Colexio Farmacéutico de Lugo e a Fundación Uxío Novoneyra. A cabalo entre a ciencia e a literatura, o libro colleita os miles de remedios das plantas desa zona, amais de facer unha reivindicación da cultura popular dunha das zonas máis ricas da Galiza e da súa fala. Así mesmo, a autora mostra o seu continuo agradecemento ás historias que lles contaron os seus informantes, concibíndose esta publicación coma única pola ensamblaxe que realiza entre as diversas disciplinas.

Pregunta (P): Como nace a idea de crear un libro baseado na sabedoría popular das xentes do Caurel?

Amo o campo, o mundo rural e o ámbito da investigación. En excursións previas descubrín o inmenso potencial do Caurel en relación ás súas tradicións. Polo feito de ser farmacéutica quixen centrarme nas plantas medicinais seguindo a liña de investigación que iniciara na Universidade de Santiago de Compostela (tesiña e cursos de doutoramento baseados en plantas na Facultade de Bioloxía) e preparar unha tese. Co tempo decidín trocar a tese por un libro de divulgación.

(P): Describes María das Herbas e as Herbaxeiras do Caurel coma un ensaio novelado e a ti coma “de letras de vocación e farmacéutica de tradición”. Como se xuntan estas dúas realidades aparentemente opostas, as ciencias e as letras?

No meu caso dese xeito, no ámbito das Ciencias investigando o mundo da Etnobotánica centrándome na Etnomedicina (que poño particularmente de manifesto nos capítulos destinados ós expertos: metodoloxía, sistemáticas e catálogo). E desenvolvo a miña vocación de Letras gozando da escritura do libro.

(P): No libro atopamos reflexións, refráns, comentarios, historias e anécdotas. Como foi a recompilación e de que forma conseguiches os testemuños? Falas dun longo proceso de traballo de campo…

Efectivamente, o proceso sempre é longo cando un quere afondar nas tradicións dun territorio, o cal require un elevado nivel de confianza, empatía, paixón polo que unha fai e moito, moito cariño. Eu vivín no Caurel dous anos e adoro esa Terra e as persoas que a habitan. Quixen sentar un precedente fronte ó resto de estudos de Etnobotánica de España, de xeito que os protagonistas foran os habitantes do Caurel, non as plantas medicinais, posto de manifesto nos capítulos destinados ós informantes, por exemplo. E iso ten moito sentido neste apartado. A miña idea inicial era recompilar información en torno ás plantas medicinais pensando no catálogo. O resto, como unha grande e marabillosa sorpresa e un gran agasallo, foi aparecendo co tempo. Non tiña ideas preconcebidas. Chegaba a unha aldea e preguntaba ás persoas que atopaba se podían contarme algo das herbas que antes usaban para curar. Podía suceder que esa persoa xa me contara algo ou que me remitira a outra do lugar.

(P): A túa inspiración foi o libro do biólogo salmantino Emilio Blanco Castro, que tomaches del e en que afondaches?

Libro de María Moure de Oteyza

Emilio é un referente da Etnobotánica en España. Como botánico e biólogo estudou a Etnobotánica en sentido amplo: o liño e os teares, a cultura da castaña, a cestería… E asentou as bases da Etnomedicina da bisbarra, sendo particularmente importante no meu traballo a identificación das especies botánicas.

A limieira de Felipe-Senén López Gómez, toda unha autoridade no que a tradicións e cultura popular galega se refire, é moi destacable. Tamén reivindico dous escritos dos séculos XVIII e XIX que figuran como referencias no catálogo. E os dous factores que penso que poden “enganchar” mais ó lector son o sentido do humor e o factor sorpresa. 

(P): Topamos no libro un monte de remedios naturais con plantas do Caurel. Poderías destacar as que máis che impactaron?

A primeira sen dúbida ningunha a xanzá (Gentiana lutea subsp. aurantiaca), genciana en castelán. É a planta panacea por antonomasia no Caurel. Utilizan a auga de cocer a súa raíz por vía oral (hipertensión, diabete, para o colesterol, etc) e tamén en uso externo como cicatrizante, antiinflamatoria, antiséptica… Ademais utilizaron moito plantas como as malvas, as estrugas e o hipérico, chamado por eles pericón. E destaco o feito de que as plantas se usaban tanto para as afeccións das persoas como dos animais domésticos, ca mesma importancia nos dous casos, e así figura no catálogo. Hai un capítulo moi particular e curioso denominado «O Hongo», sustancia á que hoxe chaman kombucha. Ese tema nunca antes se recollera por escrito en España no ámbito rural.

(P): Dis que os caurelaos son grandes contadores de historias, as cales ti introduces no libro. Introducíchelas todas ou tiveches que facer un proceso de escolla?

En todo fixen un proceso de escolla, pois falamos do primeiro tomo da obra e trátase dunha triloxía. Recollín a prosa poética de Virginia González Gancedo, por exemplo, testemuño extraordinario da vida de antano na serra e do que supón comparala ca de hoxe en día. Ou as reflexións de Rogelio López Rodríguez, as historias de Elías Sobredo Chaos… Aparte, anécdotas como «La Fuente Mana» son antolóxicas. Polo demais, a miña intención é repartir equitativamente a información nos tres tomos. Ademais, quedan pendentes temas como a Etnomineraloxía, con especial atención ás augas medicinais, a Etnozooloxía e as fórmulas (mestura de dúas ou mais plantas utilizada como remedio pra un determinado mal).

«A miña idea inicial era recompilar información en torno ás plantas medicinais pensando no catálogo. O resto, como unha grande e marabillosa sorpresa e un gran agasallo, foi aparecendo co tempo».

(P): Algo destacable do libro é que mantés a fala do Caurel, coma unha forma de reivindicar esta sabedoría popular da que falabamos. Tivéchelo claro dende o comezo ou xurdiu a posteriori?

Como algo coherente co feito de outorgar o protagonismo ás persoas, fixen o traballo pensando en transcribir a súa fermosa fala literalmente, destacando un vocabulario moi interesante, como os nomes de certas patoloxías de persoas e animais. E ademais, no libro quero reivindicar a fala do Rural, posto de manifesto no meu papel de narradora e reflectindo o galego de Bergantiños, que aprendín de nena nas aldeas da bisbarra. Así solidarízome cas xentes do noso Rural en xeral, que din que o seu galego non é bo -cando o galego está vivo gracias a eles- e que o que vale é o da TVG.

(P): Xa contas algo no libro, pero explícanos, por que te coñecen como ‘María das Herbas’?

Porque nese tema centrei o meu interese dende que cheguei ó Caurel, nas herbas. Cando levaba un mes alí descubrín que era así como me chamaban e para min foi unha grande ledicia, percíboo como un sobrenome e síntome identificada con el. O título do libro é “María das Herbas e as Herbaxeiras do Caurel” porque moitas veces as mulleres me dicían: “eu sonche mui herbaxeira. Sempre me interesaron as herbas.”

(P): A etnobotánica é un mundo aínda moi descoñecido para o conxunto da cidadanía. Que lles dirías ás persoas que comezan neste mundo?

Que non é preciso ir ó Amazonas pra descubrir plantas medicinais extraordinarias, pois témolas “eiquí ó lado”. Mesmo nos descampados das cidades xa atopamos malvas, estrugas, ceridoña e tantas outras con propiedades moi útiles e interesantes.

(P): Como foi o proceso de creación do libro? E a edición?

Longo, complexo, con moitos atrancos e interrupcións, comezando polo feito de ter que cambiar o formato (a linguaxe, a expresión) de tese a libro de divulgación, o cal foi unha tolería, pero pagou a pena e agora estou moi satisfeita do resultado. A edición tamén foi moi complexa pola temática da obra, con moitos capítulos, apartados, subapartados e ás veces mais divisións aínda. Se a iso engadimos o uso de letra en cursiva, negriña, a nomenclatura dos nomes científicos e demais…

(P): Complementan moi ben a obra as láminas botánicas pintadas pola túa nai e as fotografías das persoas do Caurel que che achegaron información. Como combinas o texto coa parte gráfica?

Síntome moi orgullosa de que as fermosas láminas botánicas da miña nai figuren na obra. Para ela tamén é motivo de especial ledicia. Sinto que non puideran ir en maior tamaño, pero o formato da obra impedía aumentar o número de páxinas. Por esa mesma razón tampouco puiden incluír un índice detallado, que máis ou menos solventei ca información presente nas portadiñas, as páxinas que separan os capítulos. E fun combinando os contidos do libro cos centos de fotos do meu arquivo, segundo as temáticas.

(P): Pensaches en levar a cabo unha investigación similar noutro lugar galego ou por agora freas aquí?

Penso que cos tres tomos da “Triloxía do Caurel” xa será abondo. Aparte teño en mente escribir un libro en castelán titulado “Memorias de una boticaria atípica”, baseado na miña experiencia como adxunta en varias farmacias de Galicia xunto cas miñas lembranzas de nena nas farmacias do meu pai e do meu avó.

(P): Como está sendo a acollida do libro entre o público xeral? E entre os caurelaos?

Estou sorprendida, pois dadas as circunstancias actuais, non puiden facer ningunha presentación presencial e aínda así a acollida está sendo moi boa, tanto por parte do público en xeral como dos especialistas, galegos e do resto de España. En relación ós caurelaos, a miña única mágoa é non poder ir agora mesmo ó Caurel e agasallar ós meus informantes co libro. Teño noticia do interese que suscita nas vilas dos arredores polo éxito que ten nas librarías, como nas de Monforte, por exemplo.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.