“Velloucas & Minchas”, de Lorena Conde

Lorena Conde, autora de "Velloucas & Minchas"

A literatura é unha ferramenta moi útil para achegar mensaxes, idea que teñen moi claro na editorial Cuarto de Inverno. Tras a publicación de SuperUlex de Susana Sanches Arins, sorpréndennos con outro título destinado á cativada e no que se reivindica a unión entre xeracións e a capacidade de axudarse mutuamente. Velloucas & Minchas é o libro co que Lorena Conde se fixo co III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, e nel atopamos a dúas protagonistas femininas moi potentes que, a pesar de levarse moitos anos, comparten as mesmas ansias de axudar no mundo.

Cun inicio do máis engaiolante, o libro conta as aventuras que vive Sofía, unha moza adolescente que debe ir pasar o verán á casa da avoa Rosa despois dun suceso que lle acontece aos pais e ante o que ela se sente desconcertada. Unha vez que chega a Veigamoa, unha aldea na que parece que nunca sucede nada, descubre cousas estrañas: o ambiente da vila está enrarecido, a xente escapa da súa avoa pola rúa, recíbense chamadas misteriosas no medio da noite… Ante iso, Sofía decide actuar e comeza a investigar o que acontece, facendo todo o posible por axudar á avoa e ás súas amigas, nun claro exercicio de sororidade e de acompañamento entre mulleres.

Recoñezo que ler este libro supuxo para min unha volta ás orixes, a aquelas tardes de verán nas que falaba coa miña avoa, nas que xogabamos ás cartas, nas que folleabamos revistas Pronto e Lecturas (o único acceso que ela tiña ao mundo exterior), nas que iamos coa súa vaca e conversabamos sobre os seus anos mozos e o que fora a Guerra Civil e a posguerra. Considero, pois, que Velloucas & Minchas vén a ser unha especie de homenaxe a todas as avoas, a todas as mulleres que, aínda que non se definen como feministas, si actúan con complicidade e axudando sempre ás que máis o necesitan.

“Camiñan de volta polo medio da rúa. É unha estampa estraña e moi tenra, esas tres señoras que procuran sempre pasar desapercibidas e ocupar o mínimo espazo público, hoxe van en grupo e leriando con outras veciñas sen lles preocupar nada a quen poidan espertar coas súas gargalladas”.

Ficha técnica

Título: Velloucas & Minchas

Autora: Lorena Conde

Editorial: Cuarto de inverno

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 179


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.