“Os hábitos depilatorios das mulleres intensificáronse na nosa sociedade ata o punto de que hoxe en día o único sitio onde é aceptable que unha muller teña pelo é na cabeza, nas cellas e nas pestanas. Nestas zonas non só é permitido ter, senón que é obrigado […] En paralelo, a industria da depilación das outras partes do corpo avanza implacable. E non vai soa: a industria da moda e as revistas acompáñana con mensaxes implícitos e explícitos ben claros. O pelo xa non é sinónimo de alegría”.
Fronte aos discursos que din que as mulleres xa conseguimos a igualdade, nacen reflexións interesantes e necesarias sobre aspectos que continúan no ámbito do privado e que pelexan por situarse no público. A batalla da depilación é unha delas, e precisamente aí se mete de cheo a escritora, tradutora e activista catalá Bel Olid no seu manifesto A contrapelo ou por que rachar o círculo de depilación, submisión e autoodio, traducido ao galego por María Alonso Seisdedos e que podemos atopar en Edicións Embora. O texto é un berro colectivo, e propón un argumentario sobre as causas polas que o pelo nas mulleres é tan cuestionado. E así, como ben apunta na cita anterior, a sociedade, que sempre pretende reproducir patróns de comportamento, case nos obriga (ás mulleres) a levar unha melena coidada e brillante, ao que se nos incita dende os propios anuncios de xampús nos que saen famosas cunha boa mata de cabelo. Iso si, o contrario acontece cando o pelo aparece noutras partes do corpo, onde se considera sinónimo de sucidade e de falta de coidado persoal, sobre todo cando falamos da pube ou das axilas.
Bel Olid condensa moitos debates nesta obra, na que alude tamén ao propio percorrido que ela realizou ata sentirse ben co seu corpo e o pelo que del manaba, xa que o acabou por ver como algo natural. E, aínda que isto pareza doado, resulta unha tarefa complexa e un camiño difícil, escabroso, que poucas ousan percorrer polo medo a que a sociedade as deixe de lado, como pasou sempre. Entón, se queres conseguir respecto, deberías pasar polo aro? Acaso algunha de vós non escoitou comentarios do tipo ‘esa non se depila, que noxo’? Eu si, e escoiteinos da voz doutras mulleres ás que lles presupoñía un certo avance con respecto a este tema. Isto quere dicir, pois, que os micromachismos xa non o son tanto e que temos que comezar a falar deles dende o concepto de ‘macro’, porque é destruíndo estas inxustizas do día a día que conseguiremos a igualdade real.
Considero moi interesante este libro, que se sitúa nesa onda imparable de publicacións que cuestionan o patriarcado e defenden a necesidade de situarse máis alá e debater sobre a maternidade, a depilación, os dereitos das persoas do colectivo LGBTIQ+ etc. Creo que o feminismo será, desta forma, moito máis enriquecedor e que achegará perspectivas novidosas sobre as que transitar todas xuntas.
“Pero eu sabía que decidira non depilarme e que eses pelos non eran circunstanciais. Non eran un accidente que cumpriría corrixir máis adiante, non eran okupas da miña pel. Déralles a categoría de habitantes lexítimos do meu corpo e pensaba deixar que me acompañasen na saúde e na doenza, na praia e na piscina, ata que a morte (optimamente, a deles) nos separase”.
Ficha técnica

Título: A contrapelo ou por que rachar o círculo de depilación, submisión e autoodio
Autora: Bel Olid
Traducción: María Alonso Seisdedos
Editorial: Embora
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 47