«Wolfram. Espías, nazis e maquis» de Alberto Varela Ferreiro

Imaxe de "wolfram. Espías, nazis e maquis" de Alberto Varela Ferreiro

O outro día, no marco dunhas xornadas sobre literatura nas que estou participando, un dos poñentes falaba da banda deseñada como unha ferramenta ideal para chegar a outros públicos e para explicar problemáticas sociais e, incluso, falar dun tempo histórico. Pero precisamente aí, nesa ensamblaxe entre texto e imaxes, é onde radica a súa complexidade, pois o autor debe documentarse por partida dobre. Cavilo nesta idea mentres pretendo falar dun cómic en galego que chega a nós da man de Xerais, e que percorre un dos episodios da nosa historia que a min máis me interesa: o do wolframio e como este mineral, presente en moitas zonas da Galiza, se utilizou para construír armas durante a Segunda Guerra Mundial. Wolfram. Espías, nazis e maquis, é o título do libro de Alberto Varela Ferreiro, e constitúe unha proposta ben interesante, que funciona como achegamento, como porta de entrada a quen queira coñecer de xeito xeral o vínculo entre o wolframio e Galiza, iso si, cunha historia ficcional de fondo que fai que a trama sexa máis interesante.

“A presenza, ademais, de redes de espionaxe xermanas e británicas fixo do noroeste peninsular un escenario máis da Segunda Guerra Mundial, onde se librou unha guerra paralela… a guerra do wolfram”. 

O libro é xenérico, e creo que pretende abarcar un período longo da historia galega, española e europea en moi pouco espazo, o que fai que por momentos teñamos a sensación de que a trama non está ben fiada, e que polo medio quedan ocos por rechear. Así e todo, a min interesoume e creo que, observando detidamente as ilustracións, coñecemos moitas cuestións da época: a vestimenta e o estilo das persoas de clase alta, as funcións dos espías, os vehículos que empregaban nas súas viaxes etc. Neste senso, este cómic consegue que coñezamos de xeito ameno a historia e mesmo que botemos algún que outro riso coas personaxes. 

Se ao rematalo seguides con ganas de máis, recoméndovos moito que escoitedes o podcast de “Descifrando a historia” no que proximamente falará do wolframio de xeito máis pormenorizado, e tamén o filme “Lobos sucios”, dirixida por Simón Casal. 

Ficha técnica

Título: Wolfram. Espías, nazis e maquis

Autor: Alberto Varela Ferreiro

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 87

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.