Teño que recoñecelo. Encántanme os libros que contan historias nas que as mulleres son protagonistas, porque é como se o mundo nos devolvese o tempo que nos roubou no pasado.
Os libros de Ledicia Costas sempre nos transmiten a ilusión pola ficción, polos lugares e espazos que, aínda non existindo, ben poden facelo na nosa mente e coa imaxinación ben cargada, non credes? A balada dos unicornios conta a aventura que lle acontece a Ágata McLeod, unha das mellores alumnas da Escola de Artefactos e Oficios que terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos. A través da súa peripecia, na que a acompañan o seu robot Tic Tac e o amigo Leon, a protagonista vivirá unha aventura na que se poñerá en xogo a súa vida e a das persoas que quere.
Pero, como xa é habitual nos libros da autora viguesa, atopamos aquí moitas reviravoltas e conceptos para reflexionar. O primeiro é relativo á creación dos personaxes, un exercicio que Costas realiza intentando construír un mundo igualitario no que as mulleres poidan ser inventoras e vivir interesantes aventuras, algo que nas historias do pasado non adoitaba verse. O que pretende conseguir é que todas as nenas e mulleres teñamos referentes neste campo e non quedemos relegadas aos xogos estáticos nin ao ámbito doméstico.
Interesante e necesaria é tamén a homenaxe que rende ás Escolas de Artes e Oficios, na actualidade en decadencia e desaparición. Ela sitúa parte da acción nun destes espazos co obxectivo de facernos partícipes do que neles se facía e da importancia que tivo en moitas sociedades.
A través do robot que acompaña a Ágata, os lectores e lectoras podemos pensar na oposición entre a intelixencia artificial e a humana, e ata onde chega unha e outra. Por exemplo, ao longo do libro imos observando como as personaxes se debaten en torno ao amor e á morte: poden os robots sentir amor? E medo ante a morte?
“No corredor, Tic- Tac formulou unha pregunta:
– O que acaba de suceder no cuarto de León é o que os humanos chamades amor?
– O amor non sucede amigo. O amor mastígate por dentro dun xeito inexplicable.
O robot non comprendeu a resposta, mais tampouco insistiu. Almacenou aquela frase no seu ordenador, pensando en que talvez algún día lle puidese resultar útil”.
E xa por último, Ledicia Costas non desaproveita a ocasión para denunciar a violencia exercida contra as mulleres, a través da figura de Jack O Destripador, o maior asasino de mulleres da historia.
“Ágata non podía deixar de pensar en que pasaría se fosen homes os que estiveses sendo asasinados coma reses nun matadoiro. A aquelas alturas xa estaría prendido, seguro! Pero non eran homes. Eran mulleres sen recursos que non lle importaban a ninguén”.
En definitiva, unha vez máis (e non será a última), Ledicia Costas emociónanos cun libro no que aprendemos moitísimo e, ao mesmo tempo, gozamos da aventura e do pracer de ler. Moi recomendada esta ‘balada dos unicornios’!
Ficha técnica
Título: A balada dos unicornios
Autora: Ledicia Costas
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 191