Entrevista Alberte Mera: «Hai unha débeda na historiografía oficial sobre Moncho Reboiras, quen o deu todo, até a vida, para conseguir unha Galiza máis xusta e libre»

Alberte Mera, director do documental "Reboiras. Acción e corazón"

Estes días estréase en varios cinemas e lugares do país o filme Reboiras. Acción e corazón, dirixido por Alberte Mera e que reivindica o labor e traballo de Moncho Reboiras, xustamente cando se cumpren 45 anos do seu asasinato a mans da ditadura. Segundo destaca Mera, o documental conta con vinte e oito testemuños de persoas que coñeceron a Reboiras e tamén cunha parte máis ficcional protagonizada por Daniel Celester.

Alberte Mera é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e de Santiago, e especializouse con estudos de máster en comunicación e industrias creativas. Dirixiu as longametraxes Clamor da Terra e Lume Novo e actualmente traballa como xornalista en Nós Diario. Amais foi responsable de Galiza Nova ata o 2016.

Conversamos con el arredor da longametraxe Reboiras. Acción e corazón, na que nos conta de onde xermolou e o que podemos atopar nela.

Pregunta (P): Cando e como xermola a idea de crear un filme sobre a figura de Moncho Reboiras?

A idea ronda xa en 2012 mais foi en 2019 cando cristaliza e na Fundación Terra e Tempo, produtora do filme, poñemos os cimentos. Hai unha débeda e un silencio na historiografía oficial sobre quen o deu todo, até a vida, como no caso de Moncho Reboiras, para conseguir unha Galiza máis xusta e libre. Lamentabelmente son nomes que se agochan no esquecemento polo poder. Espero que este filme axude a difundir a súa figura na sociedade e na xente nova e contribúa a recoñecer tanto Reboiras como toda unha xeración de galegas e galegos que se organizaron e desafiaron a ditadura.

Capa da película «Reboiras. Acción e corazón»

(P): Reboiras. Acción e corazón é o título desta longametraxe que dirixes. Como foi o proceso previo e a rodaxe?

O primeiro de todo foi pensar como trasladar Reboiras ao audiovisual, como enxergar a súa vida. Para iso, e da man dos historiadores Uxío Breogán Diéguez, Xoán Carlos Garrido e Ramón Ermida recollín documentación, informes sobre o 12 de agosto, prensa da época, actas de reunións, comunicacións realizadas… Logo identificamos as persoas que máis relación persoal e política tiveran con Reboiras para poder ter conversas con elas. Desde o principio tivemos a grande oportunidade de contar co asesoramento de Manuel Reboiras, irmán de Moncho, que nos foi axudando en todo momento, e que ademais nos achegou gran cantidade de fotos de Moncho que non coñeciamos.

Logo fixemos as entrevistas, moitas horas de gravación, un material de enorme valor. De cada entrevista fomos identificando o máis importante, enlazando e comezando o guión da montaxe. O traballo de edición foi longo e duro, sempre costa desprenderse de cousas tan importantes…

A maiores, indagamos e localizamos material audiovisual da época. Se ben foi imposíbel atopar imaxes de manifestacións, por exemplo das folgas de Ferrol e Vigo de 1972, si demos con imaxes de operarios construíndo barcos nestes estaleiros nese momento histórico, o que representa como era a vida daquela. Tamén incluímos material de arquivo, fotos e audiovisuais das primeiras homenaxes a Reboiras.

Aliás, o filme conta con secuencias de ficción que recrean as últimas horas de Moncho Reboiras no piso de Ferrol, cando este é rodeado pola policía da ditadura franquista, así como a fuxida.

(P): Por que vos decantastes pola opción do micromecenado?

Era moi importante lograr unha rede de apoio para levar a bon porto os traballos e que a obra se sentise colectiva. Nese sentido conseguimos un apoio popular importante, como amosan as máis de 400 persoas que participaron do micromecenado facendo doazóns para afrontarmos os custos dos traballos audiovisuais e facer o filme posíbel. Puxemos en marcha o crowdfunding coa plataforma Goteo e conseguimos reunir 20.000 euros para facer fronte aos gastos imprescindíbeis. Ademais dos recursos obtidos por esta vía, o proxecto contou tamén cunha axuda da Deputación da Coruña, outorgada en concorrencia competitiva e que financiou unha parte dos gastos.

Alberte Mera coa equipa de rodaxe

(P): Daniel Celester dará vida ao histórico líder nacionalista asasinado no Ferrol de 1975. Quen conforma o resto da equipa?

O actor Daniel Celester foi o encargado de dar vida a Moncho Reboiras nas secuencias de ficción. Foi un pracer poder traballar con el, un actor de enorme talento e que conta ademais con máis dunha ducia de pezas teatrais e outras tantas aparicións en televisión. Formouse na Escola Superior de Arte Dramática da Galiza, situada en Vigo, ao igual que a actriz Lidia Veiga, Carlota Mosquera e Sergio Alfonso, que, xunto ao actor Daniel Prieto, completan o elenco. Na dirección de fotografía está Jose Aragunde, e Irene Pin foi a axudante de dirección e mais a directora de produción. O director de arte foi o recoñecido Samuel Lema, todo un orgullo poder contar con el neste traballo. Na creación da banda sonora contamos con Marcos Paino e Alex Salgueiro, e o filme inclúe o tema ‘Autocracia’ das Tanxugueiras.

(P): O documental constrúese a partir de entrevistas con 28 persoas que partillaron vida con Reboiras. Podes dicirnos o nome e anécdotas dalgunhas delas?

Pois anécdotas houbo moitas, pero sobre todo transcendeu o valor das historias narradas que deron corpo a Moncho Reboiras e que son contadas por persoas que, na súa práctica totalidade, o coñeceron persoalmente, quer no plano persoal, quer no político ou en ambos.

A primeira entrevista foi a Elvira Souto e Lois Ríos, as dúas persoas que estaban con Reboiras o 12 de agosto de 1975 en Ferrol, o día que foi asasinado pola policía da ditadura e contáronos como foron as últimas horas e a fuxida ante o cerco policial. Tamén entrevistamos personalidades como Nemésio Barxa Álvarez, Maribel Boubeta Bermúdez, Xosé María Brañas Pérez, Darío Xohán Cabana Yanesm, Marisa Canto Reboredo, Xesús Chaves Fandiño, Manuel Fernández Rodríguez, Saleta Goi García, Xosé González Martínez, Inácio Hernando Nuevo, Margarita Ledo Andión, Xosé Lois Ledo Andión, Xoán López Álvarez, Álex Martínez Gei, Lita Martínez Rodríguez, Xaquín Méndez Ant,a Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel Mera Sánchez, Xosé Moa Cerdeira, Xosé Manuel Pavón González, Luís Pérez Rivas, Luz Rei Pousada, Francisco Rodríguez Sánchez, Xesús Sanxuás Formoso, Xesús Seixo Fernández e Marisa Vázquez Barquero. E, quen nos deu a dimensión persoal de Reboiras foi sobre todo o seu irmán Manuel, tamén entrevistado para o filme.

(P): Que episodios se contan no filme e cales deixastes fóra polas propias dimensións?

O filme trata desde a infancia de Moncho até o final da súa vida e posterior represión política. Quedou fóra sobre todo o inmenso labor político que fixeron as e os compañeiros de Moncho que tiveron que marchar para o exilio porque foran descubertos pola ditadura. Toda esa actividade inmensa que se realizou no Portugal revolucionario quedou sen afondar neste filme por cuestión de tempo, non queriamos sobrepasar máis alá dos 60 minutos de duración da longametraxe.

(P): Que podemos agardar como espectadores/as deste filme?

Coñecer Reboiras non como un mito, senón como un rapaz galego e consciente que se involucrou e traballou con inmensa habilidade para dotar Galiza de ferramentas propias, capaz de aglutinar e organizar o pobo en distintos ámbitos de actuación para defender os seus dereitos e que plantou cara á ditadura até as últimas consecuencias.

(P): Como será o calendario de estreas? Haberá coloquios coas persoas asistentes?

O sábado 8 de agosto tivo lugar a preestrea en Imo, na parroquia natal de Moncho Reboiras. Como se acabaron as localidades en moi pouco tempo, o concello de Dodro, que organiza o evento, ofreceu un segundo pase e será o 11 de agosto. En ambos os dous participo nun coloquio.

O 12 de agosto, cando se fan os 45 anos do asasinato de Reboiras en Ferrol, a obra estará nesa mesma cidade, no Cinema Duplex. O 13, 14 e 15 de agosto estará nos Cinemas Numax, en Santiago. Na primeira estrea tamén haberá coloquio. Logo o filme está o 26 de agosto en Ourense, co Cineclube Padre Feixoo, tamén con coloquio, ao igual que nos Cinemaas Codex de Lugo, onde se proxectará do 4 ao 6 de setembro. Na Coruña poderase ver no o 9 de setembro nas salas de cine do Fórum Metropolitano e en Vigo exhibirase no Festival Primavera do Cine en Vigo o 18 de setembro. En outubro estará en Ponteareas, en novembro en Pontevedra e nos próximos días confirmaremos máis estreas.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.