Entrevista Elisabeth Oliveira: “En Náufragas no mar e na terra podemos escoitar os berros, a carraxe e mesmo o mar”

Elisabeth Oliveira, autora do poemario "Náufragas no mar e na terra"

Elisabeth Oliveira leva as letras case tatuadas na alma. Nacida na rexión francesa de Lille, de pai e nai portugueses, medrou navegando entre dúas culturas e linguas. Despois licenciouse en Letras Modernas pola Universidade de Lille III e en Filoloxía Francesa pola USC. No 1995 instalouse definitivamente na Galiza e namorou completamente desta terra e das súas xentes. Tras a publicación do poemario a catro linguas Poesis no ano 2016, agora sorpréndenos con Náufragas no mar e na terra, unha proposta revolucionaria, que sabe a berro e que busca a xustiza e a igualdade.

Participante asidua de recitais e sesións poéticas, ela cre firmemente na necesidade de transmitir a poesía ás novas xeracións dun xeito lúdico e afastada dos habituais e aburridos comentarios de texto.

Pregunta (P): Náufragas no mar e na terra é moi diferente da anterior, Poesis. Por que?

Os poemas que conforman POESIS foron escritos ao longo duns vinte anos. É unha recompilación do que teño escrito nas catro linguas nas que falo, leo, escribo e penso, na que os poemas non teñen un nexo entre si. Náufragas no mar e na terra, polo contrario, parte dunha revolta persoal e foi escrito cun nexo común (a violencia á refuxiada, á migrante, en definitiva, á muller). Tamén diría que POESIS ten nun 80% poemas intimistas que tratan das relacións (amor, desamor, perda) con só uns cantos poemas de carácter social ou de denuncia, namentres aquí poderíamos falar dun 95% de poemas de denuncia de situacións profundamente crueis e inxustas.

(P): Xogas coa idea da oposición entre as mulleres do mar e da terra, con hábitats diferentes pero vivencias semellantes. Como abordas ti esta esta?

No inicio estaba a pensar nas mulleres que teñen que marchar dos seus fogares para sobrevivir, «empurradas pola fame / polo medo…» de África, e Asia en particular, e que son obxectos de todo tipo de atrocidades (violacións, explotacións e a propia morte) por seren refuxiadas e dobremente maltratadas pola súa condición de mulleres. Logo foron nacendo naturalmente poemas sobre as outras mulleres, que aínda que non tiveramos que escapar da fame ou da guerra, tamén, no «primeiro mundo» temos que aturar violencias e vexames polo único feito de sermos femias. Diría que máis que unha oposición dámonos as mans todas nunha sororidade necesaria.

«Non é o poema o que se fai meu, polo contrario, fágome ao poema ou, para ser exacta, hai unha simbiose. É esa a sensación que me queda, aínda cando teño unha idea previa do que vou escribir, como en Náufragas no mar e na terra».

(P): O libro é moi visual, con imaxes que adoitamos ver a miúdo na televisión. Precisamente dunha imaxe neste medio xurdiu o poemario, non é así? Descríbenos un pouco a xénese e o proceso.

Primeiro viñeron os poemas das náufragas no mar e partiron efectivamente dunha imaxe que me deu unha labazada nun telexornal. Tratábase dunha muller saíndo dunha balsa cunha crianza no colo, erguendo os brazos e cun xesto de indescritible dor. Polo camiño do poemario imos atopando a outras mulleres na travesía por África, onde van aparecendo nomes de cidades exóticas pero que infelizmente sabemos en infernos —no «progreso» do século XXI— onde son escravizadas, tamén vemos sen ver unha muller fermosa, sinuosa , «baile silente ao andar«, promesa dun futuro que «Isto todo era, / antes de xa non ser/ nas mans de ferro/ brutas, animais«. Hai outro poema de deambular pola cidade, conseguimos mesmo ver unha muller invisible que pola nosa mirada aínda é. É certo que é visual, mais creo que tamén se poden escoitar os berros, a carraxe e mesmo o mar.

(P): A tamén poeta e ensaísta Rebeca Baceiredo recoñecía hai pouco nunha entrevista neste portal que non se relaciona coa poesía de xeito consciente. Como te relacionas ti?

Déixome habitualmente levar por un par de versos, un ritmo e unha idea difusa cara onde quero ir, mais é mentira; moi cedo, é o poema o que decide por onde vai e eu voulle facendo o camiño. Non é o poema o que se fai meu, polo contrario, fágome ao poema ou, para ser exacta, hai unha simbiose. É esa a sensación que me queda, aínda cando teño unha idea previa do que vou escribir, como en Náufragas no mar e na terra.

(P): Adoitas inspirarte pola rúa ou os versos xorden de xeito máis preparado na túa cabeza?

A miña fonte de inspiración é a vida, o que me rodea, o que vivo, o que escoito e leo. A miña poesía tamén bebe moito da música, das cancións de autor/a. A miúdo o detonante é algunha letra de canción.

(P): Náufragas no mar e na terra ten moito de reivindicación. Pode a poesía mudar o mundo?

Difícil pregunta! Gustaríame poder dicir que si, que a poesía, a filosofía —da que ao meu entender está moi próxima, de feito— poden mudar o mundo para mellor. O meu lado idealista quere crelo pero o meu yang no o cre así. Porén, o que me negarei sempre a dicir é que é inútil. Se consigo tan só remexer unha conciencia, o poemario terá sentido.

(P): Algúns versos transpiran carraxe e noutros xermola a esperanza. Como consegues evocar sentimentos tan contraditorios e que, á vez, estean ligados?

Non son moi consciente disto, Náufragas no mar e na terra ten moito de revolta, pois, nel fálase de feminicidio, de trata, de inxustiza, de dor, de terror dun sistema que leva séculos sometendo a metade da poboación. Mais o certo é que tamén pola revolta podemos —debemos— saír a flote e reclamar o que é xusto. E quería que o poemario acabase cunha vitoria, a nosa liberación.

(P): “Eu decidín ser libre, ti, xa sabes onde ir!”. Un dos versos máis potentes do poemario e que reclama a liberdade. Pode lerse o poemario coma unha busca de xustiza e de liberdade?

Eu non lle direi a ninguén como ler un poema. Claro que se pode ler así, tamén como a asunción da identidade propia, da ruptura das cadeas fronte ao dominante que non che permite ser quen es, da ruptura cunha situación insatisfactoria, do divorcio mesmo.

(P): Co feminismo latente en cada un destes poemas, que pensas da situación actual na que emerxen moitísimas propostas que poñen o foco nel?

O foco sobre o feminismo é interesante e é mesmo produtivo. Xa era hora de que estivese en programas de campañas. O que non aturo son as sandeces que se oen do que é empoderamento ou do que debe ser o feminismo, ou quen ten dereito a dicirse feminista, incluso non me gusta que se falen de feminismos. O feminismo, ao meu entender, é todo aquilo que loita pola igualdade, punto. O demais é literatura, e moitas veces da mala. Mais queda tanto por facer…

(P): Adoitas participar en moitos recitais poéticos abertos. Como son estes actos e que significan para ti?

Iniciei hai uns anos con compañeiras como Carmen Quinteiro, Baia Fernández, entre outras, un encontro en torno á palabra: «Noite de Letras», onde cada persoa traía poemas, relatos, ou mesmo artigos seus ou de outras autorías. Era aberto a calquera que quixese participar e facíase ao principio na rúa, despois pasou ao Espazo Nemonon, do arquitecto Maro Lomba. Foi o inicio para nós as tres e outras voces, como Tamara Andrés, á que escoitei por primeira vez alí. Tamén participo ou asisto aos «Microrrelatos e poesía Pontevedra» que se dan cada quince días nun local de Pontevedra. Precisamente nun deles coñecín ao meu editor, Wladimir Vaz, da Urutau. Son o lugar onde aprender e o terreo de ensaio dos meus poemas. É moi estimulante ver o efecto do que escribes no público, iso que é imposible fóra dos recitais e este tipo de encontros.

Tamén participei en outro tipo de recitais, en festivais, como o Poesía Salvaxe, o Artelixo, Entreverbas, Kerouac. Son distintos polo contacto co público, que é diferente, mais tamén polo carácter máis amplo que teñen.

(P): Pensaches en realizar algunha proposta híbrida con este poemario, tipo performance ou musicado?

No meu primeiro poemario, POESIS, hai un disco con cancións e poemas musicados. Neste, non o hai, pero non estou pechada a que algún destes poemas se vexa transformado en canción. Respecto á performance, na primeira presentación do poemario (que foi precisamente no Espazo Nemonon), fixen unha performance con vídeo e música acompañando os poemas. É como máis me gusta facelo pero non sempre é posible polo material e o espazo necesario. Se vou a algún festival este ano, así é como o quero levar.

«O que non aturo son as sandeces que se oen do que é empoderamento ou do que debe ser o feminismo, ou quen ten dereito a dicirse feminista, incluso non me gusta que se falen de feminismos».

(P): Amais de escritora, es profesora de francés nun instituto de Pontevedra. Desde a túa experiencia, como cres que se pode levar a poesía aos centros para que as novas xeracións gocen dela?

É algo moito máis doado do que parece, pois basta con mostrarlles cancións cuxa letra parte da poesía. Eles escoitan poesía acotío e non o saben, o que hai que repensar é o que chamamos poesía. Moitos raps son poesía, as cancións de Fito e Fitipaldi, ou de SéS son poesía.

Eu son profesora de francés, e procuro que polo menos vexan un poema cantado por curso. Non sempre se pode polas présas, pero o alumnado é moito menos pechado á poesía do que cremos. O problema é o que se fai coa poesía nas aulas, cos comentarios de texto en particular.

(P): Cales son as túas debilidades literarias, cinematográficas, artísticas…?

Son moi ecléctica. En literatura vou saltando de autoras galegas a portuguesas, francesas, españolas; en cine son un desastre porque nunca lembro os nomes. Podo dicir que me impactou ultimamente a película Parasite, aínda que o meu director imprescindible é o clásico Charles Chaplin. Recomendaría novelas de Valter Hugo Mãe en literatura portuguesa actual, de Elí Ríos ou Ledicia Costas en galego, o meu eterno Raymond Queneau ou ultimamente un libro que entralaza tres historias de mulleres moi ben levada pola escritora Laeticia Colombani La tresse (A trenza); en poesía galega recomendo a Míriam Ferradáns, Emma Pedreira, Dores Tembrás, mentres que en castelán o meu poeta de cabeceira é Mario Benedetti, creo, porque como xa dixen antes cústame poñer algunhas obras e autor/as por riba doutros/as.

(P): Estás inmersa nalgún proxecto literario do que nos poidas avanzar algo?

Acabo de rematar un relato curto que sairá nunha publicación colectiva. O próximo proxecto que leva levedando en min anos pode que dea nunha novela, en francés. Veremos no que dá… Tamén está case rematado outro poemario nos catro idiomas en que escribo que verá probablemente a luz antes da novela.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.