Entrevista Jorge García Marín: “O patriarcado confina aos homes a un mundo de castración emocional”

Jorge García Marín, autor do libro 'Papá, por que non pintas as unllas de cores?'

Se o feminismo quere avanzar necesitamos os homes cómplices, que sexan capaces de ollar a desigualdade de xénero e de plantarlle cara ao machismo. Jorge García Marín, sociólogo e psicólogo de profesión, é un destes homes e reflexiona no seu último libro sobre as masculinidades disidentes. Baixo o título de Papá, por que non pintas as unllas de cores (Galaxia, 2020), García Marín pon o foco nas propostas que debemos levar a cabo como sociedade, e sobre todo no ámbito educativo, para deconstruír e formar outros modelos de homes, non suxeitos á agresividade e á carencia dos afectos.

Pregunta (P): O libro Papá, por que non pintas as unllas de cores? é unha publicación moi necesaria hoxe en día, pois ofrece as ferramentas necesarias para crear masculinidades disidentes. Podes explicarnos en que consiste este concepto e que persegue?

As masculinidades disidentes evocan a aquelas identidades masculinas que non se senten identificadas coas masculinidades patriarcais, hexemónicas e, polo tanto, queren romper cos imaxinarios construídos .

(P): O patriarcado faille dano a toda a sociedade. Que lle quita aos homes? E ás mulleres?

Faille dano sobre todo ás mulleres, pero obviamente os homes tamén están encorsetados nun modelo tóxico para eles mesmos. Ás mulleres quítalles a súa liberdade con todo o que iso significa, limita as súas vidas e as confina e simplifica a uns poucos modelos de submisión. Aos homes obrígalles a vivir nun mundo sen sentimentos, sen coidados, de agresividade e de violencia, un mundo de castración emocional.

(P): No libro ofreces moitas claves para que as persoas educadoras e pais e nais traballen nesa liña pero, por onde se comeza? Cal é o primeiro paso?

O primeiro paso debería ser facer conscientes ás persoas de todo o malo que implica vivir na lóxica patriarcal, o malo que significa o modelo aprendido historicamente, que é un modelo de inxustiza social. Para iso estaría ben, nestes tempos de contaminación e fake news, proporcionar datos, sobre todo aos homes, arredor da fenda de xénero no emprego, diferenzas salariais, traballo na esfera privada e as múltiples violencias exercidas contra as mulleres. Tamén é moi útil ensinar a ollar a desigualdade no ámbito mais próximo a cada un, pois este debe ser o primeiro cambio necesario.

«Confío nas mestras e mestres que dende o feminismo axuden a construír un mundo mellor».

(P): Falas dos xogos e dos videoxogos nos que os roles e os estereotipos de xénero están moi marcados. Que alternativas temos e como fomentalas entre a rapazada?

Temos que estar moi presentes na elección dos brinqueiros cos que xogan os nenos e nenas. Non podemos deixar de lado a nosa responsabilidade na busca de xogos con narrativas non sexistas. O mundo dos videoxogos máis demandados é super machista nos seus storytelling, dende os personaxes até as narrativas (guerra, destrución, violencia,… imaxino que agora sairán algúns sobre virus asasinos). Con todo, hai videoxogos, poucos pero hainos, que teñen outro tipo de narrativas (ecolóxica, cooperativa, coidadora…). Pero tamén debemos nós xogar cos nenos e nenas ofrecendo modelos, para axudar a construír identidades de xénero non estereotipadas.

(P): O libro divídese en tres apartados nos que ti propós alternativas aos modelos de masculinidades dominantes: ‘homo ludens’, ‘homo sapiens’ e ‘homo ambulans’.  Por que decidiches empregar esta fórmula?

Dende o punto de vista de creación da identidade de xénero, sen dúbida as que nos constrúen son as narrativas que nos contaron dende pequenos, os xogos e deportes cos que nos vincularon por ser neno ou nena e o modelo d@ adult@ próximo. Polo tanto, a deconstrución ten que tocar estes tres eixes para crear identidades de xénero non estereotipadas, e incluso rachar co xénero.

(P): A educación é, quizais, a principal arma de loita contra o machismo. Coñeces experiencias de escolas e profesorado que estean abordando as ‘masculinidades disidentes’? Con que ferramentas?

Si, temos educadores homes que están traballando para educar masculinidades disidentes, son poucos pero si que os temos. As ferramentas baséanse en xerar espazos onde, a través da participación activa e o intercambio de visións e experiencias vivenciais, o alumnado entenda as causas das desigualdades de xénero e coñeza as súas consecuencias. Polo tanto, trátase de cuestionar ideas e mitos (por exemplo, o amor romántico) ou identificar expresións de violencias machistas mais sutís e normalizadas, e propoñer metas para ir deconstruíndo a masculinidade tradicional. Para iso, metodoloxicamente utilizan textos, vídeo – foros, ou interveñen na ocupación de espazo físico (recreos e xogos).

(P): Comézase a falar cada vez máis de que os micromachismos deberían eliminar o prefixo ‘micro’. Que pensas?

Micro significa que non é moi visible (como microscópico) , que é mais dificil de ollar,  que pasa desapercibido, non significa que non sexa importante, ao contrario, está enmascarado. Entón micro non é pequeno no sentido de pouco importante.

(P): Dende a túa labor como psicólogo e sociólogo, como pode un home de idade adulta reconstruír a súa identidade e comezar de novo dende o feminismo?

É moito máis difícil abandonar esa zona de confort que proporciona a estrutura patriarcal, pero bastaría con que que leran algún libro feminista, que ollaran as mulleres do seu arredor e que compararan consigo mesmos.

«É moi útil ensinar a ollar a desigualdade no ámbito mais próximo a cada un, pois este debe ser o primeiro cambio necesario».

(P): Supoño que te atoparás a diario con persoas que repiten iso de “nin feminismo, nin machismo, eu defendo a igualdade”. Que lles respondes?

A incultura é moi ousada. Cando escoito esta frase é como unha tarxeta de visita que algúen me ensina e na que escribe “ves que persoa tan inculta son?, non sei nada de nada sobre feminismo, pero falo de feminismo”. Non se pode responder nada porque estás diante dunha tabula rasa .

(P): Nos tempos que habitamos, a ultradereita ascende como a espuma. A que se debe este auxe de propostas que atentan contra os dereitos humanos e negan a ‘violencia machista’?

Os discursos “conservadores” queren voltar sempre ás orixes e, se pode ser, medievais, con reis e súbditos. Para os que sustentan estes discursos, a modernidade é mala porque é confusa, caótica, difícil de categorizar, e na que reina o descontrol. O paraíso perdido, entón, son aqueles modelos de toda a vida, inxustos pero coñecidos, aquelas anclaxes emocionais onde o home era o protagonista e as mulleres “os outros”. A decadencia destes tempos ten moito que ver cos discursos da “ideoloxía do xénero” (que abre os ollos das mulleres), onde todo era máis sinxelo coas mulleres submisas que aceptaban o poder dos homes e non se cuestionaban nada. Ese é o mundo soñado, pero felizmente imposible.

(P): Ao teu modo de ver, conseguirase pronto a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres?

Non tan pronto como quixeramos. Os discursos negacionistas están aumentando, vivimos en sociedades hiperconectadas onde certas opinións teñen moi doada a súa amplificación. Queda moito por facer na educación d@s nen@s, para que consigamos educalos dende parámetros, sobre todo os nenos, que non sexan a “pedagoxía da crueldade”, a falta de sentimentos, e si as empatías para  poñerse no lugar das outras persoas. Confío nas mestras e mestres que dende o feminismo axuden a construír un mundo mellor.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.