O feminismo non é só cousa de mulleres. O día que entendamos que toda a sociedade debe estar implicada, iranos mellor e conseguiremos a igualdade efectiva e real. Mentres, debemos seguir insistindo no mesmo e propoñendo propostas de cambio dende as diversas perspectivas.
O psicólogo e sociólogo Jorge García Marín propón unha serie de técnicas para implementar na educación e lograr implantar o feminismo desde as idades máis temperás, pero dende a óptica dos nenos. A cuestión é a seguinte: contamos con moitas propostas para traballar coas nenas e axudalas no seu empoderamento, mais son moitas as profesionais que se cuestionan sobre as fórmulas para tratar certos temas cos nenos. En Papá, por que non pintas as unllas de cores?, García Marín reflexiona sobre a obriga que temos de construír masculinidades disidentes, que se afasten dos modelos patriarcais e hexemónicos.
“Non esquezamos que na infancia se desenvolven habilidades e destrezas lingüísticas, motrices, cognitivas, afectivas e sociais que deberían posibilitar novos modelos de homes, se somos conscientes de que podemos intervir para modificar as dinámicas clásicas”.
A partir desta declaración de intencións, o autor incide na necesidade de que os nenos non sexan educados con modelos baseados na dominación, o control, a competitividade, a agresividade, a forza, os privilexios… trazos todos eles do sistema de poder patriarcal e con consecuencias negativas como o acoso escolar, a violencia machista, a criminalidade, os accidentes na estrada, os sinistros laborais… A educación nos modelos disidentes debe promover, pois, o valor dos sentimentos, os afectos, a tenrura ou o coidado doutras persoas.
Estamos diante dun libro moi útil para as mestras e mestres, nais e pais e persoas educadoras, pois nel propóñense diversas técnicas para traballar desde as idades máis temperás: no capítulo de ‘homo ludens’ recóllense xogos, lecer, espazos e deportes que foxen da agresividade; no de ‘homo sapiens’ achéganse contos e libros nos que se trate as masculinidades diferentes, a diversidade, a empatía, os homes coidadores, os afectos e a corresponsabilidade nas tarefas do fogar, entre outras; e o ‘homo ambulans’ recompila os diversos espazos de interrelación que marcan a nosa subxectividade, como os referentes masculinos próximos ou que foron significativos na nosa vida.
O libro é moi potente, sobre todo a nivel educativo, e tamén se pode consultar como un manual no que atopar referentes e propostas de actuación en diversos ámbitos. Fuxindo do teórico, García Marín estuda casos prácticos para que entre todas e todos construamos unha sociedade máis xusta e igualitaria. E xa sabemos que na busca deste ideal, a educación eríxese como o piar básico.
“Temos que pensar o corpo como linguaxe emocional, como espazo de colonización: dar un novo significado aos corpos obedientes, fráxiles das mulleres e aos corpos fortes e dominadores dos homes”.
Ficha técnica
Título: Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes
Autor: Jorge García Marín
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 130