As miñas relecturas de Marguerite Duras

Antes do confinamento chegou a min unha edición fermosísima de O amante, o mítico libro de Marguerite Duras, traducido ao galego da man de Oriana Méndez para Kalandraka. Decidín comezalo, sen saber que o ía rematar nestes días estraños e tolos nos que tento amarrarme á literatura como a un cravo ardendo. Sempre o fago, xa sabedes, mais a pasada fin de semana culminei a lectura dese libro en galego e, a continuación decidín buscar nos estantes o exemplar de El amante de la China del Norte, esa revisión que a autora fixera da súa obra máis recoñecida aló polo 1990, cando soubo da morte real do protagonista masculino que inspirara a súa historia de amor. Lina enfervecidamente, como fixera aquela primeira vez nos ocos que me deixaba libres a carreira de xornalismo. E fiquei de novo namorada, impresionada porque creo que poucas veces alguén describiu tan ben o amor e a paixón que xorde nas primeiras veces.

Hoxe, 4 de abril, réndolle esta homenaxe modesta a Marguerite Duras, celebro con ela o seu aniversario. Tería cumprido 106 anos, mais xa hai tanto que nos deixou… A pesar diso síntome moi apegada a ela, ao seu pensamento, á intensidade da súa vida, e a esa literatura tan reivindicativa e persoal. O amante renovou a forma de concibir a literatura, cunha linguaxe moi apegada ao cinematográfico e ao visual, e por iso é unha honra que este clásico se poida gozar agora en lingua galega. Mentres escribo este texto, reviso o exemplar e tento buscar esa cita que mellor describa o que nos quere contar Duras. Non a atopo completamente, pero quizais a que máis se achegue sexa a que di que “os bicos polo corpo fan chorar” e a continuación que “podería dicirse que consolan”. Esa dualidade, esa oposición de ideas dáse en todo o libro que, por certo, se le coa febre dos primeiros amores.

Nesta homenaxe tan persoal, indago na relectura do segundo libro inspirado no ‘amante da China do Norte’, no que a autora francesa nos ofrece datos máis reais e verídicos do que foi a experiencia dese primeiro amor xuvenil cando ela tiña 15 anos e el preto de trinta. Mentres gozo de cada verba, penso seguido na perigosidade dese amor, mesmo na súa prohibición á vista da sociedade da época e da actual. Entro en contradiccións e, con todo, sigo devecendo por ler este libro máis veces, case en bucle de xeito obsesivo.

Atopo subliñada una cita da primeira lectura que fixera deste: “Me habría gustado que nos casáramos. Que fuéramos amantes casados”. Penso nela. Obsesiónome, quizais, búscolle dobres sentidos.

E, tras unha breve pausa, lembro que teño outros dous libros de Duras: El dolor e El parque, dúas propostas ben diferentes pero das que gardo un gran recordo porque os lin nunha época na que necesitaba de pensamentos e reflexións que me fixesen fortalecerme no mundo. O primeiro, como o mesmo título indica, está ateigado de dor, de impotencia, desa que sente unha muller cando busca o seu marido capturado pola barbarie nazi. E o de El Parque tan de actualidade hoxe en día, sobre todo porque nos fai partícipes da necesidade que temos das conversas demoradas, dese falar humano e solidario.

Grazas, Marguerite Duras, por darme tanto! Celébrote todos os días!

 

Se queredes ler as miñas opinións destes libros, déixovos as ligazóns:

El amante de la China del Norte

El dolor

El parque

 

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.