Árbores que non arden: as mulleres na prevención de incendios forestais

Lámina de proxecto batefogo para libro árbores que non arden

Unha vez que comezas a ollar coas lentes lila xa nunca as abandonarás, porque o mundo cambia para ti por completo e, cada vez máis, decataraste de que o mundo estivo explicado sempre co ollar masculino aínda que pensásemos que esta é universal. Así, o feminismo resulta ser unha reflexión continua que está sempre suxeita a formación, mediante lecturas e conversas que axudan a asentar o pensamento e a ter claras as ideas para avanzar na loita pola igualdade.

Árbores que non arden: as mulleres na prevención de incendios forestais é un libro no que diversas autoras e investigadoras mulleres debaten arredor da xestión do monte, do seu pasado, presente e futuro e do papel que teñen as mulleres nesta loita. O libro, publicado por Catroventos Editora baixo a coordinación de Proxecto Batefogo, parte de dúas realidades: dunha banda, os montes galegos cambiaron radicalmente a súa composición e usos pasando de ser imprescindibles na economía do día a día a supoñer un problema social que se nos está indo das mans; e doutra, na invisibilidade que sufriron as mulleres que desde sempre foron as que mantiveron en pé a economía agraria e do monte, sen que figurasen en ningún lugar. Estas dúas ideas combínanse neste libro que se erixe como imprescindible para avanzar no que supón o monte e as súas diversas fórmulas de xestión e o camiño que hai que facer para que as mulleres sexan por fin nomeadas. Neste senso, esta publicación lembra un pouco a Tierra de mujeres, de María Sánchez, aínda que no caso desta a reflexión xira arredor da importancia que tiveron e teñen as mulleres no mundo rural.

Segundo as coordinadoras, “queriamos que o libro fose unha invitación. Unha invitación a reflexionar sobre o papel das mulleres na prevención de incendios forestais. Unha invitación a coñecer iniciativas innovadoras lideradas en feminino. E unha invitación a ler, agradable e divertida, tamén esteticamente”. O título busca a poesía e quere falar das árbores que impiden os incendios, os cortalumes, e que gardan moitas semellanzas cos símbolos de resistencia e coas mulleres que desde sempre loitaron por manter os seus vínculos co territorio. O conxunto é moi fermoso e necesario: compílanse aquí reflexións e estudos históricos sobre o monte, desde ópticas como o urbanismo ou a propia historia, e tamén se colleitan breves conversas coas persoas fundadoras de proxectos novidosos que están botando a andar nos últimos anos e que teñen que ver coa volta á economía circular e á busca doutras formas de usar os montes. Todas as reflexións están realizadas por mulleres, polo que o libro abonda máis na súa tarefa reivindicativa, e todas as visións achegadas lévannos a profundar sobre as propias orixes. Cara onde imos? Que facer cos montes abandonados? Ten sentido este eucaliptal no que se converteu Galiza? Como axudar a nivel individual nesta problemática?

Árbores que non arden é, en definitiva, unha proposta rompedora, que pon o foco nunha das realidades máis urxentes, e que nos leva a tomar conciencia sobre a contorna. Precisamente, lendo a todas as mulleres que atopamos nesta obra, decateime de que non sabía nada do monte e de que, por desgraza, as persoas que gobernan e que teñen na súa man tomar decisións para atallar a problemática dos incendios que medran anualmente, tamén descoñecen. Oxalá que este libro chegue, pois, a moitas mans. A mans amigas que desexen un rural vivo e que os montes volvan ser espazos de convivencia e non de loita e medo.

Quedo acubillada nas verbas de esperanza de Vanesa Castro López, da Comunidade de Montes Montenoso, quen di:

Habería que favorecer vivir no rural, nun rural vivo e atractivo a nivel social e cultural, con xente que traballa en belas artes, en axitación cultural etc. Que poidamos vivir no rural e traballar en diferentes cousas, non só no primeiro sector. Non pode ser que todo o mundo que vaia á aldea só poida dedicarse ás vacas e aos eucaliptos… Teñen que ter cabida as enfermeiras, avogadas, deseñadoras industriais etc”.

Ficha técnica

Título: Árbores que non arden: as mulleres na prevención de incendios forestais

Varias autoras

Coordinación: Proxecto Batefogo

Editorial: Catroventos

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 231

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.