Nos últimos anos, as editoriais déronse conta do potencial que tiñan por explotar e comezaron a crear coleccións e libros para ás máis pequenas e pequenos da casa, o que fai que a nosa literatura se manteña e tente xerar novo público lector. Mais, cal é a chave do éxito? Cales son os libros que mellor axudan a esta tarefa ás persoas mediadoras no oficio da lectura? A profesora e investigadora da Universidade de Vigo, Isabel Mociño González, coordina unha monografía titulada Libro – Obxecto e Xénero: Estudos ao redor do libro infantil como artefacto, unha proposta que conta con textos de diversas autorías que analizan as posibilidades dos álbums infantís como mecanismos socializadores e educativos, sen esquecer o debate arredor da posición de subalternidade que tempo atrás viviu a literatura infantil e xuvenil. Incide a coordinadora na introdución a este libro que outro dos obxectivos que persegue é recoñecer o labor desenvolvido polas mulleres neste campo, sobre todo desde institucións como a familia e a escola.
A publicación que temos entre mans é dun interese notable, sobre todo porque é quen de poñer sobre a mesa perspectivas e ópticas interesantes e novidosas sobre os libros infantís e o seu papel na sociedade. Os artigos escritos polas diversas investigadoras profundan nunha análise colectiva e propoñen algúns títulos de interese que destacan non só no noso país, senón alén das fronteiras. Estes libros, concibidos como imprescindibles, veñen transmitirnos a idea de que no proceso educativo necesitamos facer partícipes ás lectoras e lectores para que, dende as idades máis temperás, comecen a tomar conciencia do mundo que habitan e a debater sobre el. Neste sentido, gustoume moito a reflexión que realiza a escritora Eva Mejuto, quen nos presenta a iniciativa de Tara Books, unha serie de libros que axudan a combater a pobreza, pois son elaborados nunha imprenta que emprega a persoas das máis baixas castes da India e que, na parte da ilustración, reivindican a representación plásticas autóctona, a técnica pictórica Mithila. No noso país temos eses tres álbums ilustrados en distintas editoriais: La esperanza es una niña que vende fruta , de Amrita Das (Libros del Zorro Rojo), Los colores de Dulari, de Durari Deva (Kókinos), e Dibujo de una ciudad, de Tejubehan (Thule).
Gustei moito tamén doutro artigo de Carina Rodrigues, da Universidade do Minho, quen nos fala do libro – obxecto de Manuela Bacelar, creadora de Bublina e as cores, un proxecto editorial que, protagonizado por unha pequena bruxa, exploraba conceptos como as cores, as formas, os números, os opostos etc. Neste caso, ao igual que noutros moitos, incentívase a participación da nena ou neno mentres gozan dunha historia de ficción, o que contribúe a xerar coñecemento sen que se decaten.
Suxestivas son as lecturas de todos e cada un dos artigos, pois achegan visións diversas e interesantes sobre un mundo con moito camiño por diante. Temos aquí estudos de Ana Margarida Ramos, Rosa Tabernero, Claudia Sousa Pereira, Eulalia Agrelo, Sara Reis Da Silva, Blanca – Ana Roig Rechou, Eliane Debus, M;aria Laura Pozzobon Splengler, Lourdes Sánchez Vera, Diana Navas, Juan Senís, Carmen Franco – Vázquez, Marta Neira – Rodríguez, Virginia Carlvo Valios, Olalla Cortizas Varela e Estella Freire Pérez.
Estamos, pois, diante dun libro escrito cunha vocación transversal, polo que se poderán achegar a el todo tipo de persoas, máis alá das que se dedican á investigación. Creo que del gozarán moito os pais, o profesorado, e as persoas bibliotecarias que queiran indagar no contexto da literatura infantil e xuvenil, estudar as súas potencialidades como método educativo, e analizar as tendencias da mesma. E é que os libros infantís son a última esperanza para fomentar a lectura.
Ficha técnica
Título: Libro – Obxecto e Xénero: Estudos ao redor do libro infantil como artefacto
Coordinadora: Isabel Mociño González
Editorial: Servizo Publicacións Universidade de Vigo
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 243