A memoria da árbore

Tina Vallès, autora de "A memoria da árbore"

Antes non o buscaba, era el quen me atopaba. Non sei cando nin por que trocamos os papeis. Dou en sospeitar que a mudanza non é tal, son moitas mudanzas pequenas que forman una grande, una grande que non vexo”.

Primeiro non sabemos o que acontece.

Meu pai miroume e souben que mo ía dicir, que lle custaría moito, mais que, finalmente, me ía dicir o que pasaba, que ía responder a todas as miñas preguntas, por que os avós viven connosco, por que a avoa e mamá se poñen tan nerviosas cando o avó se trabuca ou esquece algunha cousa, por que de repente se volven todos grises e cos ollos de vidro, por que eu fun o único que se alegrou cando os avós viñeron vivir connosco”.

E despois o inevitable, poñerlle nome á enfermidade e, aínda así, non querer pronunciala nunca, non falar dela, como se así se esquecese de nós.

A memoria da árbore, escrita por Tina Vallès e traída ao galego da man de Xavier Rodríguez Baixeras, ten a capacidade de falar da doenza do Alzheimer sen apenas nomeala. A través dos ollos inocentes do pequeno Jan, imos descubrindo como afecta ao seu avó e o descoñecemento que el sente nun primeiro momento ante as cousas estrañas que di e fai este. O avó dille que “primeiro será a memoria”, tentando explicarlle ao rapaz que o que lle acontece non ten volta atrás e que todo irá decaendo. Aí, no terreo da inocencia, e no intercambio entre as experiencias de neto e avó radica o potencial literario desta novela que consegue explicarnos, tanto a pequenos como a adultos, o proceso desta enfermidade que afecta a tantísimas persoas e que borra ata a propia identidade.

Tecido coa presenza constante dunha árbore que simboliza o pasado do avó e o futuro do neno, o argumento combina pequenos retallos do día a día nos que, a través de imaxes e escenas moi visuais, entendemos perfectamente a dor e a forma na que a enfermidade se vai manifestando nos aspectos máis cotiáns.

O simbolismo está presente xa desde o propio título, nesa árbore que atesoura a memoria, e que un día, como por arte de maxia, vai decaendo ata ficar só follas. Así e todo, e dado que a novela está escrita nun ton certamente esperanzador, sempre quedará outra árbore –persoa que atesoure a sabedoría e a transmita aos que veñan. Unha idea moi fermosa, que entronca coa necesidade que temos como sociedade de escoitar aos nosos maiores, posuidores de coñecementos ancestrais que non poden quedar no esquecemento.

Precisamos libros coma estes, que sexan capaces de emocionarnos e, ao mesmo tempo, de potenciar en nós o debate, libros que falen sen clixés das enfermidades e nos fagan ver que, ata nos episodios máis negativos, podemos entresacar algo do que aprender e que nos axude a medrar. Libros valentes e realistas.

Ficha técnica

Título: A memoria da árbore

Autora: Tina Vallès

Traducción: Xavier Rodríguez Baixeras

Editorial: Kalandraka

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 212

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.