A Rosalía de Castro condenárona durante moito tempo como poeta do sensible, a que supostamente cantaba ás flores e aos ríos. O que poucos chegaron a entender, e o que se reivindica hoxe en día, é que detrás dos seus versos aparentemente baleiros de contido se agochaba unha crítica consciente aos tempos e ás inxustizas que a ela lle tocou vivir por partida dobre: como galega e como muller. Contra o status quo, xa son moitas as persoas que na actualidade contribúen a achegar outra visión desta muller, cuxa poesía incluso describen como feminista. Por iso, e aínda que non fala dela directamente, vexo a Rosalía de Castro en Transmatria, o poemario co que Daniel Asorey gañou o pasado ano o Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu. A ela e a tantas outras.
“Fixéronnos tan dócilas,
boas.
Tan fermoses e obedientas
que non agardan o comezo.
Sermos
a decisiva e impronunciable
Verdade que derruba os muros.
Abatermos para sempre a historia contada
na violencia
Cotizable dos mercados”.
Daniel Asorey confesa ter escrito este libro máis co corazón que coa razón, pois nel supura a rabia e a impotencia ante unha sociedade inxusta, de apariencias retorcidas e que teima continuamente en fixarse nos corpos e non nas persoas que se agochan neles. Ante a ditadura do patriarcado e como loita ante el, Asorey toma a voz de todas as persoas que se opoñen aos xéneros e se mostran insubmisas e radicais. Porque neste mundo de reixas, resulta un acto de rebeldía posuír vitalidade e desexos de mudar o presente e o futuro. Uns versos que expresan moita carraxe e que trasladan unha mensaxe vital: o dereito de todas as persoas a seren o que queiran ser, sen que a barreira do xénero de interpoña, nin os construtos sociais apreixen.
Dividido en tres partes (“Orixes”, “Sexos e revoltas” e “Muros”), Transmatria pretende evocar as sensacións dos que sempre se sentiron diferentes e raros polas imposicións sociais. Reivindicación, insubmisión, rebeldía e, con todo iso, esperanza no cambio.
Ficha técnica
Autor: Daniel Asorey
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 69