Un espazo para as mulleres na literatura cunha especial atención á loita pola erradicación das violencias machistas. De aí xermolan en boa medida as obras, tanto poéticas como narrativas, de María Carmen Caramés Gorgal, unha escritora moi comprometida coas problemáticas sociais e coa memoria. Gañadora de premios importantes como o Certame de Relatos de Muller Matilde Bares ou o Premio Johán Carballeira de Poesía, ambos convocados polo Concello de Bueu, vén de publicar a novela A Madriña, na que dá voz a dúas mulleres separadas no tempo pero cun vínculo entre elas: Lola, a madriña, e Tareixa, a súa afillada. Ademais, o libro convértese nunha homenaxe a unha forma de vivir con moito arraigo no rural e que vai esmorecendo.
Pregunta (P): Escribes poesía e narrativa, xéneros nos que tes colleitado diversos premios. En cal te sentes máis cómoda?
En calquera dos dous me sinto cómoda aínda que me enfronto a eles de forma diferente. A poesía xorde de xeito inesperado, é máis como unha necesidade case fisiolóxica e vai acompañada dunha certa urxencia; a narrativa pode agardar, sinto que teño máis control sobre os tempos e é menos circunstancial. Pero se tivese que escoller, quedaría coa poesía.
(P): Ao longo da túa escrita podemos ver a preocupación constante na loita contra as violencias machistas e as desigualdades de xénero. Pode a literatura axudar na toma de conciencia social?
Entendo que si. Cando a cultura do patriarcado está tan estendida e tan normalizada aínda que parece formar parte do ADN dun importante sector da sociedade, calquera medio, calquera voz e calquera iniciativa que dea visibilidade ás súas terribles consecuencias non é desdeñable. Reivindico ademais esta parcela para o tratamento que nós, mulleres, facemos do tema na escrita, cualitativamente diferente ao que poden facer os nosos compañeiros varóns.
(P): Dos días escuros, poemario co que gañaches o Premio de Poesía Johán Carballeira, trata precisamente o tema da violencia de xénero máis crúa, da psicolóxica e da física. Un dos versos que a min máis me impactou foi o de “o derradeiro número da funesta lista”. Cómpre abordar o tema da violencia cara á muller desde a humanidade e non desde o da simple estatística, pero como o facemos?
A estatística debería servir, en primeiro lugar, para calar algunhas bocas que aínda negan a existencia deste mal endémico en todas as súas formas e, en segundo, para escandalizarnos da dimensión da traxedia; pero non parece cumprir nin unha cousa nin outra. Detrás de cada asasinato, de cada violación, de cada denuncia, está o drama persoal dunha muller que precisa ou precisou dunha rede de apoios suficientemente sensibilizada, empática, preparada e comprometida que debería estar institucionalizada pero que, hoxe por hoxe, non existe máis alá do papel e as boas intencións porque, como estamos a ver, aínda non conseguimos desterrar o machismo definitivamente das institucións nin desfacernos dos roles profundamente estereotipados.
(P): A Madriña é o teu recente libro, unha proposta moi feminista que parte da vida dunha muller no pasado para levarnos ao presente máis recente. De onde xermola esta idea?
A idea está recollida en boa medida na dedicatoria do libro: ”Para que nada se perda”. Quería recoller e deixar por escrito todas as anécdotas e vivencias que me contaron as miñas avoas, para que as novas xeracións da familia coñecesen a través deste legado o tempo que lles tocou vivir, a maneira en que elas, mulleres, se enfrontaron ás peores dificultades e se adaptaron aos profundos cambios do último século.
(P): Lola e Tareixa, as protagonistas principais, teñen parecidos con alguén da túa contorna?
Lola é un calco da miña avoa paterna, a madriña: forte, decidida, loitadora, unha sobrevivente que non aceptaba convencionalismos, cunha vida moi intensa e un corazón moi grande. Tareixa segue moitos dos pasos que eu mesma dei na miña traxectoria vital, ten de min a maneira de enfrontarse ao mundo e algúns dos trazos máis característicos da miña personalidade tamén se filtraron nesta personaxe.
(P): Ao longo da historia demóstrase a loita pola supervivencia que tiveron que librar as persoas (mulleres) que nos precederon. É esta unha homenaxe a todas elas?
Dende logo, especialmente a esa figura tan representativa no noso rural como eran as madriñas, as matriarcas que termaron da vida e da familia elas soas en circunstancias e épocas tan complicadas como a Guerra Civil, a posguerra ou a emigración.
(P): Sitúas a novela no rural galego o que, ao igual que as personaxes, tamén está sometido a cambios importantes. Outra homenaxe a unha forma de vida en extinción?
Tamén, porque o rural, tal e como o coñeceron as dúas protagonistas desta novela, xa se extinguiu, só temos constancia del a través da escrita, do que nos contaron de viva voz os nosos devanceiros ou do que formou parte da infancia e xuventude dos e das que xa temos unha certa idade. Na propia novela repásase un século de historia onde se van deixando atrás tradicións, tarefas ou costumes moi arraigadas como o traballo colaborativo, os fortes vínculos coa veciñanza ou a “cultura dos marcos” para dar paso a unha forma diferente de entender e vivir a aldea, con mentalidade urbanita.
(P): A novela semella moi realista. Canto hai de realidade e de ficción na mesma?
Non é unha novela en absoluto autobiográfica no que á trama se refire, pero case todo o que se conta nela é real.
Tanto Lola na primeira parte do libro como Tareixa na segunda, son o instrumento para ir tecendo toda unha sucesión de anécdotas, vivencias, caracteres ou expresións tanto propias como de persoas achegadas que fan posible acadar a intención última deste libro que era precisamente deixar constancia delas.
(P): Gañaches certames literarios tan importantes como o Premio Johán Carballeira de Poesía ou o Relatos de Muller Matilde Bares, ambos convocados polo Concello de Bueu. Que importancia lle das aos premios en xeral e a estes en concreto?
Os premios supoñen un recoñecemento á miña labor de autora e iso é moi gratificante. O feito de que un xurado tome a difícil decisión de escoller o meu traballo fronte a outros pon en valor o que fago e ás veces supón tamén a única forma que temos de publicar os autores/as descoñecidos/as.
En canto aos premios Johán Carballeira de Poesía e o de Relatos de Muller Matilde Bares, sinto por eles unha especial benquerenza porque me presentei a eles cun tema recorrente na miña escrita como é a violencia de xénero e de aí saíu o poemario Dos días escuros e o xermolo da novela A Madriña, ademais descubrín un pobo precioso e acolledor e coñecín xente marabillosa. Non se pode agardar máis!
(P): Cales son os teus referentes culturais á hora de escribir?
O que me inspira realmente son as cousas e as persoas máis achegadas, as miñas propias vivencias, a maneira en que me afecta o cotián.
(P): Preparas algún proxecto literario do que nos poidas avanzar algo?
Veño de rematar un novo libro de poemas e tratarei de seguir traballando nunha segunda novela que teño aparcada dende hai algún tempo.