Linguaxes dixitais

As persoas que vos asomades acotío por esta páxina sabedes do meu medo a comentar poesía, quizais debido á vertixe que me produce non ser quen de expresar o sentimento que me produce ler e recoñecerme en poderosos versos. E é que a poesía goza de ser o xénero que máis intimamente nos entende. Non resulta, pois, un misterio se vos digo que veño de sentirme identificada nos versos de Clara Vidal en Linguaxes dixitais.

Falar dunha muller coma Clara resulta unha tarefa entre misteriosa e ousada. Os versos que ela cociña mesturan o mundo real e o onírico, cos que consegue transmitirnos sensacións tan universais coma o amor. Un amor que parte da linguaxe sonora e do corpo, do material para levarnos ata o sensorial, a alma.

Por iso comes

a miña carne crúa

e non queres que eu te chame como eu quero.

Igual que os esquimós desexan nomearse inuit,

menciono na túa lingua o que che fai persoa

para continuar no noso iglú de sabas

que conteñen o enredo

de todas as metáforas inscritas no teu corpo”.

A autora coruñesa é posuidora dun estilo moi coidado, cunha escolla das palabras moi minuciosa e cun simbolismo que parte do coñecemento dunha longa tradición lírica, na que bebe do máis actual e do pasado. Esta mestura obsérvase nesas continuas alusións ao mundo rural, ao terreo do primixenio do que parte a nosa face máis humana. Aí, no agro, atopamos os corpos e a descuberta do amor máis limpo e á vez sucio.

O pan tórnase duro

porque se afasta o amidón

da humidade de seu.

Como unha fécula de cristal

que se espalla no quente

abrindo o aire.

Así éntrasme coa túa fala

enxoita e magoada.

E na miña terra pensan

que es alimento vello.

Ti non resesas”.

Falar do amor desde as orixes non resulta doado, porque corres o risco de pecar de morriñenta. Mais nos versos de Clara é xustamente o contrario: a terra está presente como contexto do amor, pero non sabe a nostalxia, senón a semente nova e ata a revolución sexual (“Coa melodía no cerebro, / ábrome a ti / como desfecha o paraugas / á choiva / e deixa / – se mollar”).

Resulta impresionante ser quen de provocar tantos sentimentos nunhas verbas que nacen da contención. E precisamente aí reside a capacidade para a poesía de Clara Vidal, motivo polo cal non debedes deixar pasar este poemario.

Ficha técnica

Título: Linguaxes dixitais

Autora: Clara Vidal

Editorial: Urutau

Ano de publicación: 2018

Número de páxinas: 51

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.