Son unha firme defensora das lembranzas, da memoria como punteiro e camiño no avance das sociedades. Porque soamente recordando quen fomos podemos chegar a saber cara onde imos. Malia todo, defender esta idea nestes tempos continúa sendo algo ousada, cando aínda perduran ecos dos anos escuros nos que era mellor esquecer e pasear de xeito incerto.
Xustamente cando se conmemoran cen anos do nacemento de Nelson Mandela, figura clave para entender a loita contra o apartheid en Sudáfrica, a editorial Kalandraka tráenos a biografía novelada deste home que foi tan importante na historia dun país e que sempre debemos de lembrar.
Nelson Mandela, o camiño cara á liberdade, supón un exercicio de compromiso moi importante levado a cabo por Antonio Lozano, autor tamén de Eu son Suleimán, quen traballa a prol da promoción da cultura nas Illas Canarias, entre outros quefaceres profesionais. Precisamente, este libro diríxese a un público amplo, pois nel fálase, cunha linguaxe adaptada aos máis mozos e mozas, do camiño que deberiamos percorrer todos na busca da nosa identidade, onde xoga un papel importante a memoria dos que nos precederon. Así o fai o mozo Walter, quen procura as súas raíces e moitas respostas, que o levan ata a aldea de Qunu, onde hai un museo en homenaxe a Nelson Mandela, que resulta ser o seu bisavó. Unha vez chegado alí coñece ao vello Sipho, quen fora amigo de Nelson e tamén á súa avoa, Thandiwe. A través da memoria destas dúas persoas chegará a coñecer o seu pasado e as preguntas que sempre se fixo, un camiño que percorreremos os lectores xunto a el, mediante unha técnica que combina a biografía coa novela, e que mestura a realidade coa ficción.
O libro de Antonio Lozano toma como base toda a bibliografía existente en torno a Nelson Mandela, sendo a máis notoria a autobiografía titulada El largo camino hacia la libertad, que se menciona en varios momentos da historia e grazas á cal Walter coñece moitos episodios narrados na boca do propio Mandela.
A verdade é que me parece unha proposta ben interesante, pois é quen de achegar a figura de Nelson Mandela e de explicar o que simbolizou na historia de Sudáfrica e no mundo. Pero tamén é un marabilloso exemplo de como sempre é preciso volver ás orixes para continuar a vida e definir cara onde ir, ao tempo que se lle dá a importancia que merecen ás persoas maiores, posuidoras dunha grande sabedoría popular que en poucas ocasións se lle recoñece.
“Estaba convencido de que a un pobo con cultura non se lle pode manter sometido por moito tempo, pois sabe pensar por si mesmo”.
Un libro este cunha finalidade instrutiva mais, sobre todo, reivindicativa e comprometida coa liberdade e coa defensa do dereito de cada persoa a ser quen é.
Ficha técnica
Título: Nelson Mandela, o camiño cara á liberdade
Autor: Antonio Lozano
Traducción: Ramón Nicolás
Editorial: Kalandraka
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 218