Palabra de bruxa

A día de hoxe están xurdindo moitas iniciativas literarias nas que a reivindicación feminista e a loita pola igualdade están moi patentes. E non só a través de ensaios e antoloxías cuxo obxectivo é recuperar as voces femininas caladas ao longo da historia, senón tamén ao traverso da ficción. Tal é o caso de Palabra de bruxa, a nova novela de Andrea Barreira Freije que explora o mundo dos aquelarres e do papel das mulleres meigas no pasado para reflexionar arredor de como se construíu o mundo en desigualdade.

Se xa en Non hai luz sen escuridade, a súa primeira novela, podiamos entrever ese mundo fantástico no que as mulleres eran protagonistas, agora observamos que na súa nova incursión literaria, a historia camiña cara á reflexión arredor do que supoñía ser muller naqueles anos nos que moitas foron condenadas só por cometer o delito de saber aproveitar as virtudes que a natureza lles concedera e saber máis que os homes, que eran os únicos que podían ser libres. Coñecemos aquí ás Xanas, unhas mulleres que rexentaron desde sempre un muíño na aldea de Queixumes e que lles prestaron axuda xeración tras xeración a toda canta persoa lla solicitaba. Todo cambia coa chegada de Pío Salazar á vila, cando Berenice, a última da casa das Xanas, vai ser xulgada por bruxa. A partir de aí, a autora combina dous tempos, o do xuízo e o dos antecedentes para construír unha historia cuxo obxectivo primordial é a xustiza histórica.

Din que o tempo naceu dunha muller, por iso no seu corpo se debuxan eses anos que as fan máis lonxevas. No seu interior márcanse os ritmos da vida. E da morte. Como se entre os seus dedos se tecese, dun xeito inconsciente, o porvir. En Queixumes, os pequenos sempre foran confiados ás mans das Xanas. Tanto os cativos que chegan ao mundo, como os que están pro vir. So nesas mulleres sabias semellaba residir o poder do tempo”.

Trátase, pois, dunha novela na que o fin xustifica o argumento, que non é outro que reflexionar sobre o que simbolizan as bruxas, a verdade que poucas veces nos contaron sobre estas mulleres que querían vivir en liberdade. Precisamente, aí radica o seu poder reivindicativo e fortemente reflexivo, co que gozaremos todas as persoas xa concienciadas coa loita pola igualdade de xénero. Con todo, o argumento adoece dunha maior dose de misterio, fraqueza que se torna máis negativa se pensamos que se trata dun libro destinado en primeira instancia ao público máis xuvenil. A pesares diso, observo aquí a unha autora cun estilo máis depurado, descricións moi coidadas e cunha madurez literaria que a converte nunha voz a ter moi en conta nos anos que virán.

Ficha técnica

Título: Palabra de bruxa

Autora: Andrea Barreira Freije

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2018

Número de páxinas: 165

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.