Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia

Nacer nena é nacer sendo menor. Tamén agora e aquí. Isto dicíao Montserrat Roig, e non perdeu actualidade, aínda que cada día avancemos un pouquechiño máis nisto da igualdade entre homes e mulleres. Só en aparencia, pois aínda queda moito que facer e creo que vou ter que coincidir con esas persoas que me din de continuo que esta revolución non se fará efectiva na nosa xeración senón na dos nenos e nenas de agora, e por iso cómpre traballar desde as primeiras idades, e entre as tarefas a abordar a literatura infanto – xuvenil xoga un papel vital, prioritario diría eu.

Nos anos nos que eu comezaba a descubrir o pracer da lectura, non atopei moitos libros nos que me vise reflectida, pois eu quería aventuras e as mulleres deses contos sempre desexaban converterse en princesas mentres agardaban pola ra que explotase en príncipe (a excepción de Pippi Mediaslongas ou Ana das Tellas Verdes). Non atopaba ese espello no que mirarme, algo no que coincide Montse Pena Presas, unha autora que se interesa pola influencia da literatura na conformación das persoas e en como as ideas androcéntricas encheron os libros de nenos fortes e valentes e de nenas débiles e sen personalidade. Por iso decidiu investigar sobre iso na súa tese de doutoramento, e agora publica unha edición reducida en Laiovento, titulada Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, onde recolle esa necesidade de estudar o papel que tivo a literatura e a relación co feminismo para axudar ao avance da sociedade galega.

Estamos diante dun libro que persegue tres obxectivos: establecer un corpus teórico que permita pór de manifesto a vinculación entre o feminismo e os estudos de LIX no contexto galego, visibilizar o papel que os grupos feministas e de mestras tiveron na procura dunha educación igualitaria a través da análise de manuais escolares e contos, e analizar os textos literarios infanto – xuvenís do ámbito galego e ver en que medida estes se viron influenciados polo movemento feminista.

Montse Pena Presas é unha experta na literatura infantil e xuvenil, campo que considera decisivo para a construción de persoas libres e con capacidade crítica. Por iso establece catro períodos da LIX e o feminismo: a etapa inicial (1927-1980) caracterizada pola publicación de obras lladas cunha concepción androcéntrica do mundo; a etapa militante (1981-1989), na que moitas persoas vinculadas co ámbito académico comezan a darse conta desta necesidade de coeducar; a etapa de xeneralización de protagonistas nenas e mulleres (1990-2005), coas figuras de Agustín Fernández Pas e Marilar Aleixandre como figuras autoriais ponte do feminismo e a reescritura de contos tradicionais; e, por último, a etapa actual (de 2006 en diante), na que os feminismos abranguen máis realidades como os personaxes LGTBI, o multiculturalismo, a diversidade funcional e masculinidades diversas.

Unha proposta esta para ler sosegadamente, coa que aprender e soñar cun mundo mellor. Como ben di a autora ao remate:

Porque os libros que len as nenas e mozos deixan un importante pouso que sempre se pode xestionar. Ás veces este convértese nunha pesada carga: as obras non nos deixan ser as que queremos e sitúannos dentro da casa ou, no mellor dos casos, entre os enreixados do xardín. Noutras ocasións, non obstante, eses libros dannos ás, permítennos soñar diferente e mesmo sermos outras e outros. O poder da literatura non unicamente reside na capacidade de que poidamos soñarnos distintas, senón en que nos capacita, a través da imaxinación, para situarnos no lugar de aqueles e aquelas que nunca seremos”.

Ficha técnica

Título: Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia

Autora: Montse Pena Presas

Editorial: Laiovento

Ano de publicación: 2018

Número de páxinas: 172

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.